Descarrila un tren en Pantón por culpa dun desprendemento de terra

O maquinista tivo que ser atendido por lesións leves

Excavadora retirando as pedras e a terra que caeron sobre a vía en Pantón o pasado venres. EP
photo_camera Excavadora retirando las piedras y la tierra que cayeron sobre la vía. EP

Un tren que circulaba pola vía férrea Ourense-Monforte descarrilou á altura do punto quilométrico 25 sen que se rexistrasen feridos a pasaxe, aínda que si tivo que ser atendido no punto o maquinista por lesións leves.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, ao redor da 1:30 horas desta madrugada, o convoi saíuse da vía por mor dun desprendemento de terra e pedras entre Ourense e Monforte, ao seu paso polo municipio lucense de Pantón.

Concretamente, descarrilou a locomotora, polo que o resto dos vagóns están en perfecto estado, do mesmo xeito que os 47 membros da pasaxe, que permaneceron no interior deste tren hotel ata a chegada dunha nova máquina locomotora que conduciu os vagóns a Ourense. Unha vez alí, os pasaxeiros serían trasladados aos seus destinos por distintos medios de transporte.

Quen si necesitou asistencia médica foi o maquinista, que presentaba algunhas lesións, aínda que de carácter leve, polo que foi atendido no punto sen que fose necesaria a súa evacuación.

TRABALLOS. Pola súa banda, o persoal de ADIF enviou á zona varias retroescavadoras, que traballaron na zona para liberar a vía e restablecer canto antes a circulación.

Convén sinalar que o lugar no que descarrilou o tren é unha zona de difícil acceso por estrada, o que levou ás forzas de seguridade a manter a pasaxe no interior do tren ata a chegada da máquina de auxilio que levase os vagóns a un lugar seguro desde o que trasladar a pasaxe en condicións de seguridade.