O cadáver dun home pasa inadvertido dous días nunha mesa en Bielorrusia
Un home morreu durante unha celebración do Nadal en Bielorrusia tras recibir un golpe na cabeza do anfitrión da festa e o seu falecemento pasou inadvertido durante polo menos dous, informou este xoves a prensa.
O insólito feito tivo lugar nunha casa situada na localidade bielorrusa de Cheressy, no norte do país.
A investigación do caso comezou despois de que a Policía recibise este mércores unha denuncia sobre a desaparición dun home de 50 anos presentada pola súa esposa, sinala a axencia Belta. Segundo a muller, o home levaba varios días sen aparecer por casa.
Nas súas investigacións os axentes estableceron que o último lugar onde foi visto o desaparecido foi a casa dun veciño da mesma localidade, artesán de oficio, que recentemente regresara ao seu pobo dunha viaxe a Rusia.
Foi alí onde os policías acharon o cadáver do home sentado a unha mesa festiva, onde a celebración do Ano Novo comezou o pasado 30 de decembro, escribe a axencia RIA Novosti, que indica que o falecemento, segundo informacións preliminares, ocorreu na noite do 6 de xaneiro.
"O dono da casa confesou que durante unha pelexa deulle un golpe na cabeza cun tronco, pero como a vítima levaba unha capucha, non se decatou enseguida da gravidade do ocorrido e continuou a esmorga só", sinalou a Policía bielorrusa nun comunicado.
Durante o interrogatorio, o anfitrión sinalou non obstante que pasado un tempo logo da pelexa "comezou a sospeitar que o invitado non se atopaba do todo ben".
O agresor foi detido e acusado de causar graves lesións corporais con resultado de morte.