Condenado a 20 anos de cárcere por violar en grupo a unha menor tutelada
A Audiencia de Barcelona condenou a vinte anos de prisión a un home que violou en grupo en xullo de 2015, durante as festas do barrio do Carmel de Barcelona, a unha menor de 13 anos que escapara dun centro da Generalitat que ostentaba a súa tutela por desamparo familiar. Segundo informou este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña (TSJC), a sección 22 da Audiencia de Barcelona considerou a Cristóbal G. N. responsable dun delito continuado de agresión sexual, polo que terá que cumprir pena de vinte anos, ademais de indemnizar á vítima con 10.100 euros polas lesións e o dano moral causado.
Celebrouse un primeiro xuízo contra dous dos acusados, mentres Cristíbal G. N. estaba fuxido
A sentenza apunta que o testemuño da vítima é "plenamente verosímil" e permite "desvirtuar a presunción de inocencia do acusado" porque o seu relato foi "persistente durante toda a tramitación da causa", coa particularidade de que o xuízo debeu celebrarse en dúas ocasións. "A menor narra os feitos de forma espontánea", engade o escrito, que considera o relato da vítima "persistente na secuencia dos feitos e na identificación dos autores".
Por iso, Cristóbal G. N., que se atopa en prisión provisional desde finais de abril de 2019, foi condenado como autor criminalmente responsable dun delito continuado de agresión sexual, aínda que o tribunal absolveuno dun delito leve de lesións polo que viña sendo acusado ao considerar que a violencia "xa foi valorada como a necesaria para cualificar os feitos axuizados como agresión sexual".
Ademais da pena e a indemnización, a sentenza impón ao acusado a medida de seguridade de dez anos de liberdade vixiada que deberá executarse con posterioridade ao cumprimento da pena de prisión imposta.