Crean un robot que limpa espazos infectados pola Covid-19 con luz ultravioleta

Un miembro da Ume realiza labores de desinfección nunha residencia de maiores. JUAN CARLOS CÁRDENAS (EFE)
O aparello xa está a ser utilizado en laboratorios, supermercados e hospitais
Unha exalumna da Escola Elisava de Barcelona creou un robot que desinfecta espazos infectados pola Covid-19 con tecnoloxía ultravioleta, e que xa entrou en funcionamento en laboratorios, supermercados e hospitais.

Segundo informou este martes a Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona Elisava a través dun comunicado, o robot desinfectante creouno a empresa emerxente -startup- catalá MTS Tech, cofundada pola exalumna Maria Visa, e o uso de luz ultravioleta aumenta a seguridade do persoal e os niveis de desinfección nun 99,96 %, diminuíndo así os a posibilidade de propagación do virus.

Outra das iniciativas xurdidas desta escola foi un kit de desinfección de máscaras e outro material de protección para alargar a súa vida útil, creado polo estudo holandés Frolic Studio, no que traballa o exalumno Ismael Velo.

Así mesmo, ADDIT·ION, a empresa de impresión 3D liderada polos exalumnos Saulo Armas e Ignasi Sagré, creou unha máscara de protección a través dunha visera de Snorkel.

Doutra banda, varios profesores e exalumnos de Elisava participaron no deseño e a creación dunha pantalla de protección para persoal sanitario producida voluntariamente por unha rede de 30 profesionais.

Igualmente, o exalumno Èdgar Pons participou na creación de The Open Ventilator, un respirador artificial de baixo custo que xa foi homologado polo departamento de Saúde.

Ademais, Dinngo, a empresa liderada pola exalumna de Elisava Rocío García Ramos, deseñou unha plataforma que permite definir a extensión real da Covid-19.

E o exalumno Roberto Castro, desde a axencia Gete Comunicación, en colaboración coa Asociación Non Estás Soa, creou a campaña #YoMeQuedoEnCasa #PeroÉlTambién para dar visibilidade a esta realidade e facer un chamamento á conciencia colectiva para axudar ás nosas veciñas que poidan estar a sufrir violencia machista.