As vítimas do Alvia volven levar as súas reivindicacións ao Congreso
A Plataforma Vítimas Alvia 04155 concentrarase este mércores na Praza das Cortes, fronte ao Congreso dos Deputados, en coincidencia coa comparecencia do ministro José Luís Ábalos na Comisión de Transportes.
A plataforma de vítimas, tal e como informa nun comunicado, decidiu protestar ante o edificio da Cámara Baixa logo de máis "dun ano solicitando reiteradamente unha reunión (con Ábalos) a través dos medios de comunicación, por carta, por correo electrónico, por teléfono".
Tamén "a través do seu director de Gabinete, o Sr. Vázquez e dirixíndonos por escrito á secretaria particular do ministro, Carolina Martín, e ao secretario de Estado Pedro Saura", subscriben.
En opinión das vítimas é "indignante que nin sequera se nos conteste".
Así as cousas, segundo lamentan na nota, o trato que están a recibir "non é democrático nin humano, máxime aínda cando falamos de cargos públicos, cuxo principal obxectivo debe de ser o de estar ao servizo da cidadanía e da verdade".
Ademais, aseguran que a lei do sector ferroviario permite ao ministro Ábalos cesar aos membros da CIAF e crear unha nova investigación técnica independente, "que é o que queremos as vítimas para saber a verdade e o que merece a cidadanía para poder mellorar a seguridade ferroviaria española e europea", conclúen.
O accidente deste tren que causou 80 mortos produciuse o 24 de xullo de 2013, na véspera do Día de Galicia, na curva da Grandeira, á altura o barrio compostelán de Angrois.