Morre o escritor lucense Xabier P. Docampo aos 72 anos
A saúde dun dos maiores referentes da literatura infantil e xuvenil galega empeorou nas últimas datas
Xabier P. Docampo, mestre, escritor e referente da literatura infantil e xuvenil galega, faleceu este martes de madrugada aos 72 anos. Nado en Rábade (Lugo), aínda que residente desde había anos na localidade coruñesa de Cambre, onde viu como a súa saúde se complicaba nos últimos días.
O tamén articulista publicou numerosas obras desde que en 1986 viu a luz O misterio das badaladas. Un dos seus maiores recoñecementos chegou en 1995, cando obtivo o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pola noite.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, asegurou en declaracións a Efe que Xabier P. Docampo era "un luxo" para a literatura contemporánea galega: "Vaise un escritor de primerísimo nivel, sobre todo nun ámbito moi necesario que é a construción de lectores novos".
Freixanes: "Vaise un escritor de primerísimo nivel, sobre todo nun ámbito moi necesario que é a construción de lectores novos
Víctor Freixanes recoñeceu ter esa tristeza “que se produce cando a xente próxima se vai indo”, non só pola perda dun escritor senón tamén dun amigo. O presidente da RAG manifestou que o escritor rabadense deixa a pegada da súa obra en miles de lectores, “sobre todo de lectores novos”, con obras como A chave das noces e O misterio das badaladas, entre outras moitas.
De Xabier P. Docampo, Freixanes tamén destacou a súa vocación por renovar todos os procesos que significaban a dignidade da escola “e a construción dunha escola galega e en galego”. Asegurou que o escritor era “especialmente sensible” á creación de obras para que funcionasen cos alumnos . “Só fai falta botarlle unha ollada á súa bibliografía, ás reproducións e ás numerosas reedicións dos seus libros, aos seus premios e recoñecementos literarios dentro e fóra de Galicia”, concluíu.