Unha ruta guiada permitirá coñecer a vida de Antonio Fraguas en Compostela

Antón Fraguas. RAG

Santiago foi un enclave moi importante na vida do intelectual

Santiago foi un dos puntos máis importantes na traxectoria vital do intelectual Antonio Fraguas. É por iso que con motivo da súa homenaxe este 17 de maio, o Goberno local decidiu impulsar unha ruta guiada que permitirá coñecer un pouco máis do vínculo que mantiña o docente e etnógrafo coa capital galega, de onde é fillo adoptivo e mesmo conta cunha rúa e un centro educativo co seu nome.

A iniciativa foi presentada este martes en rolda de prensa pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra e María Abelleira, e percorrerá diversos emprazamentos da cidade relacionados coa vida do propio Fraguas, como o Museo do Pobo Galego ou o IES Rosalía de Castro, onde impartiu aulas.

Novoneyra lembrou a Fraguas como "un camiñante da cidade" e "moi lembrado" pola xente da cidade, onde aínda perviven xeracións que puideron gozar da súa docencia. Deste xeito, a ruta, que se celebrará durante seis días, permitirá coñecer esa faceta de mestre, e ao mesmo tempo aqueles lugares emblemáticos onde se situaron as institucións nas que traballaba, como o Seminario de Estudos Galegos ou o Instituto Pai Sarmiento.

Precisamente, segundo explicou María Abelleira, o paseo está deseñado en sete paradas, partindo do Museo do Pobo Galego, entidade que Fraguas axudou a impulsar e na que se conserva gran parte do seu legado investigador. Os participantes visitarán despois a Praza Feijóo, onde se situaba unha pensión na que o autor residiu na súa época de estudante, ademais da Facultade de Xeografía e Historia, que centrou a súa relación coa universidade.

Outros emprazamentos destacados que abarcará esta ruta guiada serán o Colexio de Fonseca e a Árbore da Ciencia, antigas localizacións do Seminario de Estudos Galegos e o Instituto Pai Sarmiento, e onde se abordará a represión sufrida tras o golpe militar, que foi determinante no transcurso vital do homenaxeado.

Posteriormente, a comitiva dirixirase ao IES Rosalía de Castro, centro no que Fraguas impartiu clases e no que deixou pegada en decenas de mozos, para finalizar na Carballeira de Santa Susana, pondo en valor o traballo etnográfico do intelectual de Cotobade.

MESTRE REPRESALIADO. A concelleira de Acción Cultural destacou o "forte" vínculo de Fraguas coa capital galega, onde foi "moi recoñecido en vida". Tamén considerou que a figura do autor é unha oportunidade para recoñecer a todos os "mestres represaliados" tras o golpe militar franquista, dado que Fraguas, ademais de ser humillado publicamente, estivo 20 anos sen cátedra, e non puido volver até aprobar de novo as oposicións.

O calendario de paseos guiados, que será gratuíto previa inscrición, arrinca este venres, ás 19.00 horas, e tamén se celebrarán dous paseos o sábado e o domingo ás 18.00 horas. A ruta guiada volverá o 16 de maio, ás 19.00 horas, e haberá dúas sesións a maiores, o 17 de maio (17.00 horas) e o sábado, ás 18.00 horas.