Sobe por segundo ano consecutivo o alumnado que estuda galego no Bierzo e Sanabria
O incremento desde o curso 2016/2017 é de 132 estudantes
A comisión de seguimento do Programa de promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria, asinado polos gobernos galego e castelán leonés no ano 2001, constatou na súa reunión anual que sobe por segundo ano consecutivo o alumnado que estuda galego no Bierzo e en Sanabria.
En concreto, un total de 1.112 estudantes seguen no presente curso escolar materias de lingua galega, fronte aos 1.101 do anterior. O incremento confírmase nos datos relativos ao ensino infantil e primario (que pasan de 905 matriculados a 927) e tamén nos da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada (que ten este curso 52 alumnos, fronte aos 44 do anterior).
Atendendo aos datos dos tres últimos anos escolares, o incremento desde o curso 2016/2017 (no que 980 alumnos cursaron galego) é de 132 alumnos.