O golazo de Eva Navarro converte á sub-17 en campioa de Europa
Os dous tantos da atacante do Sporting Praza de Argel dan a vitoria á selección española ante Alemaña e o segundo deles vólvese viral
A selección española feminina de fútbol sub-17 proclamouse este luns campioa de Europa da categoría ao derrotar por 0-2 á de Alemaña na final disputada no estadio da cidade lituana de Marijampole.
Eva Navarro decantou o duelo cun primeiro tanto anotado no minuto 46, tras unha precisa asistencia de Paula Arana, e certificou o triunfo español cun segundo acerto, tras unha brillante xogada individual, no minuto 73. Este último gol, desde a escuadra, foi espectacular. Proba diso é que está a dar a volta ao mundo para reivindicar o nivel do fútbol feminino.
Esas dúas accións da talentosa atacante do Sporting Praza de Argel permitiron á selección española volver cinguirse a coroa continental logo de dúas finais perdidas ante Alemaña, nos anos 2016 e 2017, xa con Toña Is como seleccionadora.
España gañou con anterioridade os Europeos de 2010, 2011 e 2015, polo que o conseguido este luns é o seu cuarto título.