Lidl destina máis de 17 millóns de euros á compra de froitas e verduras galegas en tres anos

O maior volume de investimento concéntrase en Pontevedra ► Os kiwis e a leituga pontevedresas, a pataca ourensá e o repolo lugués completan o TOP-4 de produtos máis mercados no último ano
Verdura nun supermercado de Lidl.
Verdura nun supermercado de Lidl.

Lidl investiu durante os últimos tres anos máis de 17 millóns de euros na compra de preto de 10 toneladas de froitas e verduras do campo galego, das que exportou unha parte a mercados internacionais.

Así o explica a cadea de supermercados nun comunicado no que abunda en que neste período se aprecia que o investimento foi especialmente relevante en Pontevedra. Esta provincia aglutinou preto do 70% do total das compras de produto hortofrutícola que a compañía realiza na comunidade, destinando preto de 12 millóns á adquisición de máis de 6 toneladas deste tipo de produto entre 2020 e 2022.

Ademais, nesta demarcación as compras de froita e verdura no 2022 foron case un 12% superiores ás de 2020, o que reflicte "unha aposta por parte de Lidl non só sostida no tempo, senón incluso incrementada nun contexto de aumento de custos coma o actual", tal como subliña o director rexional de Lidl en Galicia, Jaime Herrá.

Top-4 de productos

En concreto, no último exercicio, destacaron as máis de 1,5 toneladas de kiwis e os 170.000 quilos de lechuga adquiridos en Pontevedra; os 165.000 quilos de pataca mercados en Ourense e os máis de 90.000 quilos de repolo lugués.

Estes catro produtos conforman o top-4 de froitas e verduras máis mercadas pola marca a provedores galegos no 2022. O mesmo voceiro da cadea de distribución afonda en que “estas estatísticas amosan que o produto hortofrutícola galego é unha parte fundamental do compromiso de Lidl cos alimentos de KM0 da rexión", incluíndo compras de artigos con distintivo de DOP ou IXP, coma a castaña ou a pataca.

Paralelamente, Herrá lembra que este último ano a cadea incrementou un 30% as súas compras de produtos de proximidade ata acadar os preto de 330 millóns de euros mobilizados, un importe co que a compañía logra o seu máximo histórico na comunidade.

Por último, o directivo de Lidl asegura tamén que este impulso das compras a provedores do territorio, sumado ao milleiro de empregos directos xerados nas 36 tendas da región, as súas oficinas e a súa plataforma loxística en Narón é “o noso humilde gran de area para que Galicia lle poida plantar cara a ese enorme desafío demográfico que ten por diante ao cooperar no mantemento da actividade do sector primario, tan vencellado a un campo que historicamente viu como a súa pobloción tiña que desprazarse ás cidades na procura de oportunidades laborais".

O impacto de Lidl en Galicia

Un estudo da consultora PwC sobre o impacto corporativo de Lidl en España apunta que a comañía é responsable de máis de 7.600 postos de traballo en Galicia (un 0,70% do total autonómico) –entre directos, indirectos e inducidos–.

"Así mesmo, a aposta de Lidl por Galicia tamén ten un destacado impacto na economía rexional. Segundo o mesmo estudo, a cadea achega preto de 360 millóns de euros anuais ao PIB desta comunidade autónoma (un 0,64% do total autonómico)", indica Lidl.