A pensión media galega segue como a segunda máis baixa de España tras subir un 6%

Sitúase en 833,33 euros

Personas mayores, abuelas, pensionistas. ADP
photo_camera Personas mayores, abuelas, pensionistas. ADP

A pensión media galega situouse a día 1 de xaneiro en 833,31 euros, o que supón un incremento do 5,9% en relación co mesmo mes de 2018, aínda que Galicia continúa sendo a segunda comunidade autónoma española coas prestacións máis baixas, só por detrás de Estremadura (818,99 euros). 

Pola súa banda, o número de pensións en Galicia ascendeu un 0,5%, até 764.793 unidades, segundo datos dados a coñecer este venres polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. 

Por provincias, A Coruña, con 877,16 euros, e Pontevedra, con 875,14 euros, mantéñense como as que presentan as pensións medias máis altas da comunidade, mentres que Lugo (740,84 euros) e Ourense (719,55 euros) sitúanse en terceiro e cuarto lugar. 

As pensións por xubilación seguen sendo as máis numerosas en Galicia, cun total de 477.751 e cunha media de 946,15 euros. Con todo, a prestación que perciben por este concepto os pontevedreses e os coruñeses ascende a 1.005,40 euros e 1.001,96 euros, respectivamente, por encima dos lugueses (832,25 euros) e ourensáns (786,70 euros). 

A segunda modalidade de pensións son as de viuvez, que son en Galicia un total de 186.968, cunha media de 596,28 euros. Seguen a estas as de incapacidade permanente, con 69.998 e 872,94 euros de media; orfandade –23.581 e 397,53 euros–; e a favor de familiares –6.495 e 511,45 euros–.

DATOS ESTATAIS. A Seguridade Social destinou neste mes de xaneiro unha cifra récord de 9.535,5 millóns de euros ao pago das pensións contributivas, un 7,08% máis que no mesmo mes de 2018, segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. 

Esta taxa de crecemento é moito máis elevada que a rexistrada nos cinco últimos meses, cando viña aumentando a taxas algo superiores ao 4%, e derívase da subida experimentada polas pensións no principio do ano e do aumento da base reguladora da pensión de viuvez desde o 56% ao 60% para persoas con 65 ou máis anos sen outros ingresos. 

O gasto global do conxunto de pensións chegou a superar o 8% interanual na antesala da crise (2008). Desde hai uns anos, o gasto viña crecendo a un ritmo próximo ou superior ao 3%. Hai que remontarse a 2009 para atopar unha taxa interanual de gasto en pensións próxima á rexistrada este mes de xaneiro. 

A maior parte dos 9.535 millóns de euros destinados a pagar a nómina das pensións en xaneiro foi a parar ás pensións de xubilación, con 6.778,1 millóns de euros (+7,2%), seguidas das pensións de viuvez, ás que se dedicaron 1.670 millóns de euros (+8,7%). 

Ao pago das pensións de incapacidade permanente destináronse en xaneiro 926,5 millóns de euros (+3,8%), as de orfandade supuxeron 136,1 millóns de euros (+5,3%) e as pensións en favor de familiares totalizaron 24,1 millóns de euros (+8,4%).

CASE 9,7 MILLÓNS DE PENSIONISTAS. O número de pensións avanzou en xaneiro un 1,29% respecto ao mesmo mes de 2018, até 9.695.870 pensións, lixeiramente por baixo das 9.696.272 pensións que se pagaban en decembro. 

Do total de pensións, máis da metade, 6.000.191, foron pensións de xubilación, cun repunte do 1,98% respecto de xaneiro de 2018, mentres que 2.361.540 eran pensións de viuvez (+0,08%), 954.031 de incapacidade permanente (+0,4%), 337.866 de orfandade (+0,01%), e 42.242 a favor de familiares (+2,4%). 

Pola súa banda, a pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión (xubilación, incapacidade permanente, viuvez, orfandade e a favor de familiares) situouse en xaneiro en 983,46 euros mensuais, o que supón un aumento interanual do 5,7%. 

Así mesmo, a pensión media de xubilación situouse ao comezo do presente mes en 1.129,66 euros mensuais, un 5,1% máis que en igual mes de 2018. En canto ás novas altas, a pensión media de xubilación (decembro) é de 1.348,8 euros no conxunto do sistema. 

A pensión media de viuvez rexistrou o maior avance interanual en valores relativos, un 8,6%, até os 707,4 euros mensuais, após a subida da base reguladora. A de incapacidade permanente alcanzou en xaneiro unha contía media de 971,17 euros mensuais, cun incremento interanual do 3,3%. 

Ademais, a pensión media de orfandade ascendeu a 402,87 euros mensuais, un 5,3% máis que en xaneiro de 2018, mentres que a da favor de familiares situouse en 571,8 euros ao mes, cun repunte do 5,9%.