domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Os recibos do Ibi en Lugo, Vigo e Pontevedra, os máis baixos por habitante das grandes urbes

Diñeiro. AEP
Diñeiro. AEP

Ourense e Santiago son as cidades con máis carga de impostos por residente, segundo o Observatorio Municipal de Galicia ►Un estudo reflexa a "desigualdade" na "presión fiscal e orzamentaria" dos grandes concellos galegos 

Os ourensáns e composteláns son os galegos con máis "carga de impostos por habitante" —746 e 676 euros, respectivamente—, mentres que os vigueses son os que pagan as cotas básicas do imposto de circulación "máis elevadas", segundo as conclusións extraídas polo Observatorio Municipal de Galicia nun estudo sobre a situación orzamentaria e tributaria dos sete concellos galegos con máis de 50.000 habitantes. En canto ao Imposto sobre Bens Inmobles (Ibi), o estudo reflexa que só os concellos de Lugo e Pontevedra realizaron actualización do imposto. En cambio, Vigo "leva sen realizar unha revisión catastral desde 1990", apunta. 

Así, o grupo de investigación pertencente á Rede Localis advertiu de que "a non revisión do catastro ten importantes efectos en materia de equidade", polos "problemas de adaptación aos cambios" nos valores das distintas zonas dun municipio. Cos datos dos que dispuxo o estudo, o importe medio por recibo do Ibi urbano é de 342 euros na Coruña e 308 en Santiago, que son os dous municipios que "máis cobran", fronte aos 236 euros de Lugo ou os 245 de Ourense. Pola súa banda, Vigo, que é a cidade con maior poboación de toda Galicia, con 299 euros por recibo, sitúase na situación intermedia, segundo as conclusións do Observatorio. 

Con todo, en canto ao recibo por habitante, Ourense (310 euros) e Santiago de Compostela (289 euros) son os que máis cobran, fronte á situación contraria que se dá en Lugo (211 euros), Vigo (209 euros) e Pontevedra (200 euros).

A carga de impostos por habitante é menor en Ferrol (338 euros) e Pontevedra (361); e maior en Ourense (491 euros) e Santiago (486)

Este grupo de investigación da Universidade de Vigo elaborou este estudo, que conclúe que "existe unha gran diferenza no tratamento fiscal e orzamentario" dos municipios galegos con máis de 50.000 habitantes. Ante esta situación, o Observatorio Municipal de Galicia asegurou que "nin se paga o mesmo, nin o gasto por habitante é igual".

O estudo tamén reflexa que Ourense e Santiago son as cidades con máis ingresos municipais non financeiros per cápita, con 1.037 e 1.008 euros, respectivamente). Pola contra, as cidades de menos ingresos municipais son Ferrol (con 757 euros) e Vigo (con 804). Así mesmo, móstrase que a carga de impostos directos e indirectos por habitante é menor en Ferrol (338 euros por persoa) e Pontevedra (361); e maior en Ourense (491 euros) e Santiago de Compostela (486). 

Polo que respecta ao Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), o Observatorio Municipal de Galicia sinalou que "de novo hai unha importante variabilidade por municipios". Así, o coeficiente de situación, que gradúa o importe a pagar, sitúase no 3,5 de Vigo —o máximo é do 3,8— e o 1,4 de Ourense —o mínimo é do 0,4—. 

En relación ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), o estudo mostra que os concellos de Vigo e A Coruña son os que aplican cotas básicas "máis elevadas", e os de Santiago e Pontevedra as "máis reducidas"

Finalmente, o grupo de investigación integrado na Rede Localis concluíu que Vigo e Pontevedra son as cidades que "aplican as maiores porcentaxes" sobre o valor dos terreos na plusvalía municipal ou Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana (IIVTNU). 

Os recibos do Ibi en Lugo, Vigo e Pontevedra, os máis baixos por...
Comentarios