Condenan a dous anos de cárcere a unha nai por ocultar o paradoiro do seu fillo

A muller, que xa cumpre condena por deixar soas en casa as súas tres fillas pequenas, asegurou no xuízo que o neno estaba co seu pai pero non quixo revelar a identidade deste

O xulgado do penal número 3 de Oviedo impuxo unha condena de dous anos de prisión por un delito de abandono e nove de inhabilitación para exercer a patria potestade a M. J. G. de cuxo fillo, nacido en 2009 nun hospital da capital asturiana, se descoñece o paradoiro.

A muller, que xa cumpre condena despois de que en novembro de 2016 lle impuxesen tres anos de cárcere por deixar soas en casa ás súas tres fillas pequenas -unha de tan só un mes e as outras dun e dous anos-, asegurou no xuízo que o neno estaba co seu pai, pero non quixo revelar a identidade deste.

A sentenza considera "incuestionable" que tras o nacemento do bebé en decembro de 2009 non existe a máis mínima proba de que a muller lle prestara atención ou coidado derivado da garda legal "ata o punto de que materialmente desapareceu rastro algún da situación real en que puidese atoparse".

Neste sentido, incide en que desde o inicio da causa "e de forma contumaz" a acusada negouse a dar unha explicación certa e factible do paradoiro do menor e, aínda que basease a súa defensa en preservar a identidade do pai, comprometeu a mesma ao facer ver "a forma de coartada" que ambos estaban en Portugal.

A resolución xudicial incide en que o menor non recibiu desde o seu nacemento asistencia sanitaria algunha e que o neno foi dado de baixa pola súa nai cinco anos despois no centro de saúde ao que estaba adscrito no barrio ovetense de Pumarín. Así, pregúntase que asistencia sanitaria se prestou ao menor durante eses cinco anos, un período no que os nenos están sometidos a un calendario de vacinación regulado legalmente e apunta que tampouco consta como escolarizado en ningún centro.

Engade que, segundo as investigacións policiais, non existe proba algunha de que o menor resida en Portugal, onde non consta como residente, e que un tío da acusada, o único familiar que testificou no xuízo, admitiu que non volvera a saber do menor desde que tiña poucos meses de idade.

A existencia dunha condena previa por feitos similares constata, segundo a sentenza, que non se trata dunha "nai dilixente" e engade que, unha vez incumprida a obrigación básica da patria potestade como é a permanencia dun fillo co seu proxenitor, "dificilmente poderían entenderse cumpridas as restantes". Neste sentido subliña que é á acusada a quen compete acreditar a realidade que invoca para xustificar cumpridos os deberes de garda, custodia e protección do menor que como titular "son esixibles a ela" e que non deu "explicación certa" do paradoiro do menor nin da evolución do mesmo. 

Comentarios