Valeria Quer: "É unha tolemia o que di a miña nai, desmíntoo"

Valeria Quer TELECINCO
photo_camera Valeria Quer. TELECINCO

Valeria, a irmá da falecida Diana Quer, rompeu o seu silencio ante os medios tras transcender este mércores que a súa nai, Diana López Pinel, denunciara o seu pai, Juan Carlos Quer, por agredila e intentar atropelala. Antes de dirixirse á prensa, a moza explicou que non tiña pensado facer declaracións sobre a discusión que mantiveron este martes  seus pais, pero que decidiu desmentir a información tras coñecer que López Pinel asegurara que o seu exmarido a intentara matar".

"Calquera que coñeza o meu pai, unha persoa seria, sabe que xamais, xamais [faría algo así] e menos na situación na que estamos", sinalou, en defensa de Quer. "É unha completa tolemia o que dixo a miña nai, desmíntoo", insistiu a moza.  "É completamente falso, meu pai non é unha persoa agresiva", sinalou, facendo referencia a que "o que pasou onte" debería quedar na intimidade da familia.

A DENUNCIA. A Garda Civil detiña este mércores a Juan Carlos Quer, tras denunciar a súa exmuller que intentara atropelala. Diana López-Pinel, presentou na noite deste martes unha denuncia nas dependencias da Garda Civil en Majadahonda (Madrid) na que acusaba o detido de tela golpeado no pómulo, de lesións no pulso e de intento de atropelo no garaxe da vivenda.