Aberto o prazo para inscribirse na Olimpíada Galega de Química, que cumpre 35 anos

Os químicos galegos animan os estudantes de Bacharelato a participar na Olimpíada Galega de Química. EP

Os químicos galegos animan os estudantes de Bacharelato a participar nas probas, que terán lugar o 23 de marzo simultaneamente en Santiago, A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense

Os estudantes de Bacharelato con paixón polas ciencias poden xa inscribirse para participar na Olimpíada Galega de Química, que este 2018 cumpre 35 anos. O prazo para anotarse finaliza o 13 de marzo e as probas de selección terán lugar o 23 de marzo simultaneamente en Santiago, A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense.

A Asociación de Químicos de Galicia e o Colexio Oficial de Químicos de Galicia ( Colquiga) celebran o aniversario deste proxecto educativo e convidan os alumnos de todos os centros galegos a participar. "Sentímonos especialmente orgullosos de ser fundadores das Olimpíadas de Química en España", asegura Juan Sanmartín, químico docente e coordinador da cita, a máis veterana de todas as organizadas nas diferentes disciplinas académicas en Galicia.

O decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez Méndez, lembra que a iniciativa busca "espertar e estimular entre os máis novos o interese pola química" e "motivar vocacións", pero tamén proporcionar aos profesores oportunidades para intercambiar ideas e experiencia.

O alumnado interesado poderá apuntarse a través da secretaría do seu centro de senseñanza, a condición de que non cumprisen 19 anos o 1 de outubro de 2018. Tamén poderá facelo a título particular cubrindo un formulario que poden descargar en www.colquiga.org. Con carácter excepcional e avalados polo seu profesorado, poderán presentarse alumnos da Eso de excelentes capacidades académicas. A temática da proba versará sobre as materias de Física e Química (1º de Bacharelato) e de Química (2º de Bacharelato).