Absolven á alcaldesa do Porriño de falsidade documental e deslealdade profesional

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, no seu despacho. FB
Estaba acusada deses delitos pola súa xestión como avogada nun asunto relacionado coa urbanización Pousa do Bispo, en Tui
O Xulgado do Penal 1 de Pontevedra absolveu á alcaldesa socialista do Porriño, Eva García de la Torre, dos delitos de falsidade documental e deslealdade profesional dos que estaba acusada pola súa xestión como avogada nun asunto relacionado coa urbanización Pousa do Bispo, en Tui.

“A actitude da acusada é reprochable, pero ao non saír do ámbito privado da relación cliente-letrada e non ter acceso ao tráfico mercantil, a falsidade é inocua e a sentenza debe ser absolutoria”, subliña o maxistrado no seu fallo.

O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra volveuse a pronunciar sobre este caso despois de que a sección cuarta da Audiencia de Pontevedra revogase a primeira sentenza ao entender que non se contemplou o delito de deslealdade profesional que fora imputado pola Fiscalía, como xa se fai nesta resolución.

"É innegable que os executantes sufriron prexuízos a consecuencia da conduta da acusada: tal e como resulta das testificais practicadas, viron atrasada a execución da sentenza durante vinte e dous meses, e durante ese tempo desapareceron parte dos bens da executada”, sinala o xuíz.

"Con todo", engade, "aínda sendo a conduta axuizada absolutamente reprobable, en termos penais non se constata que sexa absolutamente intolerable, pois o prexuízo, aínda existindo, carece da concreción necesaria, xa que se descoñece cales son eses bens e sobre todo, de que valor".

García de la Torre declarouse nun comunicado "tranquila e aliviada" polo fallo xudicial “logo de atravesar uns meses moi complicados pola utilización ilexítima dun asunto profesional no campo da política para tacharme de cousas incalificables”.

Segundo a alcaldesa, a sentenza “deixa claro" que non cometeu "ningún feito punible", polo que espera que esta segunda absolución acabe cos ataques persoais dos que foi vítima.

"Non todo vale para intentar cargarse a carreira política de alguén", conclúe a alcaldesa do Porriño.