O autor confeso do triplo crime de Valga guía á Garda Civil ata a arma
A arma de fogo coa que o autor do triplo crime de Valga acabou este luns coa vida da súa exmuller, a súa exsogra e a súa excuñada foi localizada pola Garda Civil na canle do río Tambre. O achado produciuse mercé aos interrogatorios ao investigado, segundo puido saber o Grupo El Progreso.
O Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil atopou o revólver á altura do lugar de Ponte Nova, en Ames, xunto a unha caixa de munición.
É a arma coa que José Luis Abet Lafuente, de 45 anos, supostamente tería matado as tres mulleres, un crime que cometeu en presenza dos seus dous fillos menores, de 4 e 7 anos.
As forzas de seguridade tiveron constancia do suceso pouco despois das oito da mañá. As vítimas son Sandra B.Q. —exparella do asasino, de 39 anos—, Alba B.Q. —irmá da primeira e de 27—, e a nai de ambas, María Elena J, de 58 anos. Tanto Sandra como Alba traballaban nun centro de logopedia en Cesures.
O CRIME. O sospeitoso daría morte ás tres mulleres de forma consecutiva sobre as oito da mañá deste luns. A primeira vítima foi Sandra, que recibiu un disparo de arma curta cando se atopaba no coche disposta a levar os seus fillos, de 4 e 7 anos, ao colexio. Ambos presenciaron o crime, segundo informou Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra.
Sandra, que se percatara de que o hombre se aproximaba, chamou a súa nai, que se achegou ao lugar xunto a súa outra filla. Unha e outra foron a segunda e a terceira vítimas mortais.
SEN DENUNCIAS PREVIAS. A parella estaba divorciada e non constan denuncias previas nin ordes de protección en vigor, segundo confirmou o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, que anunciou un pleno especial tras este novo asasinato.
Unha vez máis, Valga vese golpeada por outro asasinato atroz, despois de que o pasado 11 de marzo un veciño acabase coa vida da súa esposa para, despois, quitarse a vida cunha escopeta.
CONMOCIÓN. A compañía STAC, na que traballaba unha das vítimas, pechou este luns as súas oficinas como sinal de duelo. A empresa, situada en Padrón, emitiu un comunicado no que lamenta o "terrible suceso" no que foi asasinada unha das súas traballadoras, así como a súa nai e a súa irmá.
A firma trasladou aos familiares e amigos das vítimas o seu "máis sentido pésame" e uniuse a eles na "inmensa dor" que sofren nestes momentos. Tras condenar o crime, pediu o máximo respecto para todos os achegados ás vítimas.
Tamén a asociación Amencer-Aspace fixo pública a súa "dor" ante o crime a través dunha publicación en Facebook na que recorda unha das vítimas, Alba, que colaboraba co centro de Vilagarcía. "Non hai palabras para describir o que sentimos nestes momentos. Rabia, impotencia, dor. Alba, alá onde esteas, querémoste. D.E.P".
Numerosas entidades emitiron este luns mensaxes de condena polo triplo crime de Valga, ante o que se convocaron tamén varias concentracións de repulsa. Entre elas, a promovida polo Concello, que tivo lugar tras un pleno extraordinario convocado para o oito da tarde no que se decretaron tres días de loito oficial.
Así, decenas de veciños e autoridades concentráronse este luns ante as portas da casa consistorial de Valga para trasladar a súa repulsa polo triplo crime e expresar a súa solidariedade cos familiares das tres vítimas. Foi despois dun pleno no que, a través dunha declaración institucional, a corporación mostrou a súa "máxima condena" ante un crime que sacode o municipio cando "aínda non cicatrizaron as feridas da última vítima da violencia machista", asasinada en marzo.
Os grupos municipais chamaron ao "traballo conxunto" entre institucións e cidadanía para "erradicar a barbarie que representa a violencia machista".
Acusación popularA Fundación Amigos de Galicia é unha das entidades que expresou a súa condena ante o triplo crime machista de Valga e avanzou que será acusación popular "en defensa dos menores involucrados no caso".