O BNG levará nas súas listas a membros de CxG

Juan Carlos Piñeiro, secretario xeral de Compromiso por Galicia, y Ana Pontón, líder del BNG. M.G.P
O acordo, presentado por Pontón e Piñeiro, circunscríbese ás xerais do 10-N

Catro membros de Compromiso por Galicia (CxG), formación que naceu no seu día por mor dunha escisión do BNG, irán en postos simbólicos das listas do Bloque ao Congreso e ao Senado, tras selar ambas as forzas políticas un pacto que cinguiron, iso si, ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro. Á súa vez, CxG pedirá o voto para a "candidatura de país" do BNG.

Tanto a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario  xeral de Compromiso por Galicia, Juan Carlos Piñeiro, circunscribiron este acordo político, asinado este luns en Santiago, á convocatoria das xerais. Calquera outra interpretación, defendeu Pontón, sería " desdebuxar" o acordo.

Pola súa banda, preguntado sobre se este paso pode anteceder a un achegamento en maior grao ao BNG para as autonómicas de 2020, por exemplo, Piñeiro defendeu que este acordo está encamiñado á defensa dunha "candidatura de país" para os próximos comicios e rexeitou pronunciarse sobre calquera formulación futura.

"Creo que debemos cambiar as formas e o chip de facer política", esgrimiu, convencido de que o pacto subscrito agora é "necesario" para que Galicia poida ter "voz propia e oídos" nas Cortes. Sobre o que ocorra para as autonómicas galegas, sinalou que "xa se verá".

Pontón agradeceu o paso dado por Compromiso co fin de que unha candidatura "galega" poida defender en Madrid "os intereses da comunidade" e deu a entender que non foi posible con outras forzas como En Marea polas súas pretensións de ligarse a outros partidos estatais.

Así, Pontón esgrimiu que "ir de  ganchete" con forzas de carácter estatal, "chámense Podemos ou Más País", non é unha opción para o Bloque.