O BNG pide subtítulos en galego en plataformas como Netflix e o PP négase

En Marea e PSdeG apoian esta iniciativa para contar coa mesma oferta da que xa gozan cataláns e vascos 

 

Olalla Rodil. AEP
photo_camera Olalla Rodil. AEP

O BNG reclamou este martes no pleno do Parlamento galego que a Xunta se dirixa a plataformas de contidos audiovisuais como Netflix ou Movistar+ para que haxa subtítulos en galego en películas e series. A pesar de contar co apoio do resto da oposición —En Marea e PSdeG—, o PP xa adiantou o seu rexeitamento a esta proposta, que se votará o mércores, porque se mostra en contra "de encher as arcas de multinacionais americanas". 

Durante o debate, a deputada Olalla Rodil (BNG) denunciou que o galego é o único idioma do Estado que non conta con subtítulos neste tipo de plataformas, mentres o "Goberno vasco e catalán levan anos desenvolvendo" políticas de apoio neste campo. Así, lamenta que o PPdeG, no canto de apostar por políticas para "gañar espazos de uso" do galego e "promover o exercicio de dereitos lingüísticos", "fai exactamente o contrario", como "é recortar ata a saciedade os orzamentos" para normalizar o uso do idioma propio de Galicia. 

En contraposición, a deputada do PP Raquel Arias preguntou aos nacionalistas se prefiren un "apoio económico ás multinacionais" ou un "apoio ao audiovisual galego e a poder ser en galego". Ademais, a popular recriminou o "negativismo absoluto" da oposición cara á situación do galego, á vez que pon en valor que a TVG gasta "sete veces máis" en producións galegas que na compra de produtos estranxeiros.

"É IMPOSIBLE FACER NADA CON VOSTEDES". Na súa quenda de réplica, Rodil lamentou a "cutre" resposta de Raquel Arias, que se saca da manga" que exista unha petición para que se inchen a empresas privadas de diñeiro público", cando o que demanda é que a Xunta inste a estas compañías a ter subtítulos en galego. "É imposible facer nada con vostedes", queixouse. Tamén espetou a deputada do Bloque á do PPdeG que nin sequera se pon vermella" ao falar de apoio ao audiovisual galego, xa que para este ano a Xunta achega 148.000 euros a estas producións, fronte aos "tres millóns de euros a dedo" para facer un festival no Monte do Gozo con grupos estranxeiros.

REPROCHES DE EN MAREA E PSdeG. Así mesmo, Concepción Burgo (PSdeG) reprochou que os populares xa rexeitaron unha iniciativa similar nunha comisión a finais de 2017, á vez que censurou que o PP use o argumento de que non se pode dar diñeiro público a empresas privadas cando destina "importantes cantidades" a fomentar o uso do galego en medios tradicionais. Ademais, a socialista sostén que "é case un problema de orgullo", que "dá vergoña", que nestas plataformas poida haber unha película nova en catalán e eúscaro, pero "non se pode ver" en galego, "simplemente porque o Goberno de Galicia non está polo labor de medidas que poidan beneficiar ao idioma". 

Luca Chao (En Marea) botou en cara ao PP que "pretenda sacar a bandeira de defensa do idioma" no Día das Letras Galegas, cando son "culpables de sacar adiante medidas como o decretazo" do plurilingüismo, co que os dereitos lingüísticos do galego están "maltratados". Todo iso, mentres o idioma galego "perde falantes", cunha programación televisa infantil en galego "testemuñal" e unha dobraxe que "non fai máis que desvanecerse". 

Comentarios