martes. 19.01.2021 |
El tiempo
martes. 19.01.2021
El tiempo

Caballero acusa a Feijóo de "tentar ocultar" a realidade das residencias de maiores

Fabiola García, nun pleno do Parlamento. XOÁN REY
Fabiola García, nun pleno do Parlamento. XOÁN REY
O líder do PSdeG lamenta que non compareza a conselleira de Política Social no Hórreo e o PPdeG lembra que 

PPdeG e PSdeG cruzaron reproches ese sábado a conto das comparecencias da conselleira de Política Social, Fabiola García, para dar conta da situación das residencias de maiores.

O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "tentar ocultar" o que ocorre neses centros, onde os casos activos da covid-19 aínda son case 500 entre traballadores e usuarios, ao "evitar" o PP que compareza no Parlamento a conselleira de Política Social.

Segundo denuncia o Partido Socialista a través dun comunicado, os populares bloquearon que García acuda a próxima semana á sesión da Deputación Permanente –que se reactiva tras un acordo de todos os grupos–, mentres a Xunta "decidiu unilateralmente" que o faga o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez. 

"Queremos que compareza a conselleira de Política Social para que dea información detallada e para que explique a súa xestión nas residencias de maiores e o modelo de privatización que fixo o PP ao longo de máis dunha década na Xunta", subliña Caballero. 

Tras lembrar que case a metade dos falecidos en Galicia pola incidencia da covid-19 están relacionados cos xeriátricos –266, segundo o último balance–, o líder do PSdeG afea o "descaro" de Feijóo por tentar atribuírse "unha falsa anticipación" ante a pandemia do coronavirus. 

E é que, tal e como explica, os "peores" escenarios de contaxios na comunidade se producen en ámbitos que "son competencia da Xunta", como a sanidade e os servizos sociais. 

Ademais, lamenta que o Goberno galego non interviñese todas as residencias nas que houbo contaxios masivos. "Feijóo tivo o descaro de dicir que a Xunta se anticipou á chegada do virus ás residencias... Se fose así, por que non as illou para protexer aos nosos maiores?", pregúntase. Por todo iso, Gonzalo Caballero urxe a facer "unha análise transparente" do que ocorre nos centros de maiores, así como das medidas adoptadas polo Executivo de Feijóo neste contexto.

O PPdeG acúsao de "falta de memoria"
A deputada do PPdeG Marta Rodríguez Arias lamenta a "falta de memoria" de Gonzalo Caballero e lémbralle que a conselleira de Política Social, Fabiola García, "xa compareceu" no Parlamento galego o pasado 3 de abril para informar das medidas adoptadas polo seu departamento en residencias de maiores e centros de discapacidade no actual contexto de pandemia. 

Deste xeito, Marta Rodríguez lémbralle que a conselleira de Política Social xa compareceu no seu momento e que "será unha das grandes protagonistas" da sesión da Deputación Permanente do próximo mércores, "xa que responderá a catro das nove preguntas" ao Goberno galego que presentaron os grupos –tres delas da oposició–. 

Ademais, a deputada do PPdeG asegura que García "foi a primeira" conselleira en comparecer, tras o propio Feijóo e o seu vicepresidente, Alfonso Rueda. "Foi unha demostración do compromiso do Goberno galego por manter aos grupos parlamentarios", engade. 

"Pero é que, ademais, o presidente da Xunta dedicou unha parte destacada da súa comparecencia da semana pasada –o xoves– na Deputación Permanente a explicar as actuacións realizadas nas residencias de maiores e os resultados conseguidos, situando a Galicia como unha das comunidades con menor número de falecidos entre os doentes infectados", sentenza. 

Caballero acusa a Feijóo de "tentar ocultar" a realidade das...
Comentarios