De cláusulas lingüísticas a cambiar algoritmos de Instagram: propostas para recuperar o galego
O Consello da Cultura Galega chama a actuar xa ante a paulatina pero irrefreable perda de galegofalantes, sobre todo entre as novas xeracións e en ámbitos urbanos —onde viven o 70% dos galegos—. E propón un plan de choque con 96 medidas concretas para comezar a revertir a situación da lingua propia da comunidade, un decálogo que é froito dun ano de traballo e que contou con achegas de 2.000 persoas.
As propostas son tan específicas como a incorporación de cláusulas lingüísticas na contratación pública, a expansión de contidos en galego no ensino ou incluso a creación dunha mesa galega de diálogo coas plataformas dixitais globais —Google, Meta, Spotify, TikTok...—, para tratar algoritmos que penalizan linguas cooficiais como o galego.
A batería de medidas, recollidas no informe Un país coa súa lingua. Foro participativo, foi presentada onte pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, quen destacou o "espírito construtivo deste documento, que ofrece ideas replicables e asumibles". Trátase de iniciativas concretas e plausibles, aínda que para levalas a cabo, ademais de vontade política, cómpre expandir o marco económico actual destinado a políticas a prol do galego, que é "claramente insuficiente", recolle o documento.
Entre as ideas recollidas no decálogo, destaca a incorporación de cláusulas lingüísticas na contratación pública para "definir a lingua de traballo e de entrega" na Administración, ademais dun plan para fomentar na economía os procesos empresariais en galego: estatutos, contratos, manuais, asesoría xurídica...
No eido da CSAG —antiga CRTVG—, chámase a ampliar a oferta de programación infantil e xuvenil en galego, e no ensino perséguese a equidade real entre o galego e o castelán e promóvese a acollida do alumnado estranxeiro fomentando o galego. Ademais, proponse a difusión dun código para medios de comunicación no que se respecte nos textos o idioma orixinal das declaracións.
A discriminación dos algoritmos co galego
Unha das partes máis novidosas do decálogo é a que propón unha mesa de diálogo coas plataformas dixitais para mudar a discriminación ao galego por parte dos algoritmos.
Non é novidade, e os creadores de contido en galego ben o saben, que o galego non puntúa igual que o castelán á hora de viralizar o contido.
Pídese reforzar o uso do galego na Xustiza e no Sergas
"Normalizar o uso do galego na Administración de Xustiza e no Sergas" é outra das propostas do Consello da Cultura Galega, en referencia a dous ámbitos nos que, aínda que o informe non o cita, é manifesto para a cidadanía que a lingua de Castelao ten un papel secundario, cando non testimonial nalgúns casos.
A maiores, o documento propón a operatividade plena en galego nas principais ferramentas de xestión da Administración, como son as plataformas Atenea —utilizada na Xustiza—, Gacela —para sanitarios—, Ianus e Cinfo, tanto nas sedes como na tramitación electrónica.