O Colexio de Xornalistas apoia as reivindicacións dos profesionais da CRTVG

Un estudio de la Radio Galega. CRTVG

Unha parte importante do cadro de persoal da cadea secunda desde hai doce semanas os 'Venres Negros' para demandar a independencia e pluralismo dos medios públicos

O Colexio de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera pertinentes as reivindicacións que unha parte importante do cadro de persoal da CRTVG mantén desde hai doce semanas nos 'Venres Negros' para demandar a independencia e pluralismo dos medios públicos e rexeita calquera intento de coartar as críticas das profesionais. "Exercer o dereito á discrepancia por compromiso coas obrigas profesionais non pode ser castigado nin supoñer unha condena ao ostracismo", alega nun comunicado.

A institución considera que a calidade da información e o deteriorado clima laboral "beneficiaríanse sen dúbida do diálogo aberto que debe producirse en todas as redaccións". Con ese argumento, insta o Consello de Administración da CRTVG a activar instrumentos de participacións dos traballadores que contribúan á independencia dos medios públicos do poder político e a poñer así en marcha "coa maior brevidade" o Consello de Informativos.

"Só o compromiso de profesionais e medios de comunicación coas obrigas deontolóxicas e co dereito á información pode recuperar a confianza da cidadanía no xornalismo como alicerce imprescindible dunha sociedade plenamente democrática", conclúe.