Confirman que a orixe da intoxicación en garderías de Cangas estaba no menú
As análises realizadas por Sanidade sobre os alimentos servidos aos nenos de dúas escolas infantís da zona de Cangas confirmaron que o menú do pasado venres como a orixe da reacción alérxica que sufriron varios dos infantes que acoden a estes centros.
O primeiro caso foi detectado o pasado venres en A Choupana, cando a algúns dos pequenos aparecéronlles ronchas e manchas vermellas polo corpo, que desapareceron espontaneamente en menos dunha hora.
Os profesionais da escola, ante as sospeitas de que a orixe das manchas puidesen ser os alimentos, cambiaron rapidamente o menú servido na segunda quenda de comida.
Tamén se deron circunstancias similares noutra escola infantil da zona, a de O Hío, cuxa cociña está xestionada pola mesma empresa que o centro da Choupana. En total, a Consellería de Política Social tivo constancia de nove casos de reaccións alérxicas nos pequenos.
A orixe do problema foi peixe servido nesa xornada. Segundo trasladaron fontes da Xunta a Europa Press, os técnicos analizaron o peixe tanto en cru, conxelado como cociñado e confirmaron a presenza dunha sustancia, histamina, por encima dos valores normais.
Sanidade acudiu á propia empresa encargada de ambas as cociñas e "non viron nada anómalo" polo que determinaron que a causa "máis plausible" é que rompese a cadea de frío nalgún momento do transporte do alimento por parte do distribuidor.
De feito, as mesmas fontes apuntan a esta posibilidade como a causa máis probable, posto que a empresa concesionaria cambiou de provedor de peixe hai menos dun mes. Finalmente, realizaron un chamamento á calma, posto que se tratou dunha incidencia leve e non dun problema a gran escala.