O Consello das Mareas activa a consulta sobre Quinteiro

Reunión do Consello das Mareas. PEPE FERRÍN

Celebrarase nun prazo de "dúas a tres semanas" en caso de que a parlamentaria non renuncie antes 

 

CONSULTA ÁS BASES. Así as cousas, o Consello das Mareas deste sábado aprobou a designación dun grupo de persoas que elaborarán un expediente informativo que será trasladado aos inscritos antes da votación e no que se recollerá tamén a exposición dos feitos e explicacións da propia deputada. 

No caso de que Quinteiro presente a súa renuncia antes da realización da consulta, esta "paralizaríase", segundo explicou Gonzalo Rodríguez, que defendeu a validez desta convocatoria aténdose á interpretación dos estatutos nos que figura que poderán levar a cabo consultas ás bases sobre asuntos de "especial relevancia política". 

Esta interpretación foi avalada pola Comisión de Garantías que, con todo, lembrou que as bases non poderían emitir unha opinión "vinculante" e que a dimisión "é un acto voluntario que é exclusivo da persoa electa que renuncia voluntariamente ao seu cargo".

CRÍTICOS. O sector crítico discrepa da interpretación dos estatutos por parte da dirección, como expuxo en declaracións aos medios á saída da reunión Gladys Alfonso. Así, apuntou que a consulta "non cumpre coas garantías" que establecen "o regulamento e estatutos" de En Marea porque neles figura que poderán realizarse consultas "sempre que teñan motivos políticos, sociais e económicos". 

Deste xeito, os críticos opinan que o caso de Quinteiro non entra dentro destes parámetros e que a intención da coordinadora (que equivale á executiva dun partido clásico) é disfrazar de consulta ás bases o que, aos seus ollos, é un proceso de revogación de cargo que debería realizarse por outras vías. 

"Non estamos de acordo e non imos participar, porque tampouco respecta as garantías procesuais e de autodefensa da compañeira (Quinteiro)", remarcou Gladys Alfonso, que fixo un chamamento para "recuperar os acordos fundacionais" aprobados na asemblea de Vigo e a "traballar" para dar voz "aos problemas da xente".