A CXT denuncia que a "falta de trens" impide viaxar a usuarios galegos
O sindicato CXT denuncia que a "falta de trens" na comunidade galega "impide" viaxar a decenas de usuarios, como o caso dos estudantes que se desprazan o fin de semana.
Nun comunicado remitido aos medios, o sindicato sinala que o domingo, día 4 de outubro, circularon completos os trens de media distancia 09182, 09183, 12544 Vigo-Santiago, con saídas da capital olívica ás 18,15, 19,25 e 20,30; e o 09183, procedente da Coruña, ás 18,00 horas.
Este feito, segundo a CXT, ocasionou que decenas de viaxeiros que ían destino á universidade maioritariamente desde Vigo, Pontevedra e Vilagarcía non puidesen utilizar o tren. "Evidencia a necesidade de pór en circulación o maior número de trens con destino e orixe Santiago de Compostela".
O sindicato sinala que Renfe utiliza os argumentos de falta de viaxeiros nas liñas do rural e de adecuación das circulacións á demanda "esquecendo a súa responsabilidade de servizo público de transporte de viaxeiros".
Ante esta cuestión, o sector ferroviario de CXT remitiu un escrito á dirección de Renfe e á xerencia do servizo en Galicia no que piden a restitución de servizos ferroviarios na Comunidade.