Detido por agredir sexualmente a polo menos 4 mulleres en trens entre Vigo e Pontevedra
Axentes da Policía Nacional detiveron un veciño de Soutomaior, de 21 anos de idade, como presunto autor de varios delitos de abusos sexuais, logo de realizar tocamentos a polo menos catro mulleres en trens, no traxecto de Vigo a Pontevedra. O xulgado de instrucción 8 de Vigo deixouno en liberdade sen medidas cautelares, investigado por un delito de abusos. O home foi sometido a un recoñecemento forense.
As pescudas policiais permitiron descubrir que o sospeitoso elexía os trens que saen á primeira hora da mañá e que van menos concorridos. Así, subíase ao convoi na estación de Guixar, en Vigo, ataviado cun chaleco dunha empresa.
A Policía indentificou catro mulleres que sufriron eses ataques nos trens, pero deduce que pode haber máis vítimas
O home sentaba á beira de viaxeiras que ían soas e tentaba abusar delas, seguindo unhas pautas de comportamento que a Policía cualifica como de "depredador sexual". O sospeitoso buscaba a situación idónea para atacar ás mulleres e ocultaba o seu rostro cun pasamontañas ou unha gorra para evitar ser identificado.
Grazas ao operativo despregado pola Policía Nacional, coa cooperación de Renfe e de Adif, púidose identificar a este home, que foi detido (a pesar de que opuxo gran resistencia) nas inmediacións da estación de Guixar á primeira hora da mañá deste luns.
ANTECEDENTES POR ABUSOS SEXUAIS. Unha vez en Comisaría, a Policía comprobou que o home ten antecedentes penais por outros delitos de abusos sexuais, e que teñen en vigor dúas ordes de afastamento de anteriores vítimas.
A Policía logrou, por outra banda, identificar a catro mulleres que sufriron ao longo dos últimos meses eses ataques nos trens, pero deduce que pode haber máis vítimas, e animou a estas mulleres a presentar denuncia. Así mesmo, solicitaron ao xulgado que dite orde de afastamento das estacións e trens de Renfe, para evitar que ese suposto abusador poida volver agredir a outras vítimas.
O operativo policial foi levado a cabo pola Brigada Móbil no Transporte da Xefatura de Unidades Especiais da Comisaría Xeral de Seguridade Cidadá; axentes do sector móbil da Brigada Provincial de Seguridade Cidadá da Xefatura Superior de Galicia; e efectivos da UFAM da Brigada de Policía Xudicial da Comisaría de Policía Nacional de Vigo-Redondela.
O detido foi posto este mércores a disposición do xulgado de instrución número 8 de Vigo, que decretou a súa posta en liberdade, coa condición de investigado por supostos abusos sexuais.