Detido un mozo de 17 anos por un delito de violencia de xénero na Coruña

A comisaría da Coruña. ARQUIVO
Os feitos ocorreron na Rolda de Outeiro

Un mozo de 17 anos foi detido por un presunto delito de violencia de xénero na tarde do venres en A Coruña, logo de pegarlle un bofetón a súa exparella na rúa. 

Os feitos ocorreron preto das 18.15 horas da tarde na Rolda de Outeiro, á altura do número 242. Sobre esa hora, varios viandantes viron como unha parella estaba a discutir e, nun momento dado, el empezou a agredila. 

Ao presenciar a escena, as testemuñas chamaron ao 092 e unha patrulla da Policía Local achegouse ata a zona para saber o que estaba a ocorrer. Nas proximidades da rúa onde a moza, de 19 anos, fora agredida, atopáronos aos dous. 

Os axentes interceptáronos e falaron con eles por separado. A versión da moza confirmou a historia que xa contaran as testemuñas da agresión. 

Con todo, ela non se mostraba convencida para denunciar e atender a lesión nun centro de saúde, a pesar de que presentaba unha "marca visible" na cara. 

Tras insistir en varias ocasións, a moza foi trasladada a un centro sanitario e asistida por outra dotación policial de apoio. Mentres tanto, o mozo veciño de A Coruña foi detido e denunciado de oficio pola Policía Local. 

O presunto agresor foi trasladado ás dependencias policiais e quedou custodiado nos calabozos á espera de pasar a disposición xudicial por un delito de violencia de xénero. 

O número de teléfono 016 é gratuíto e non deixa rastro na factura telefónica, está dispoñible as 24 horas do día e presta asistencia a todas as mulleres que precisen asesoramento en materia de violencia de xénero.