"Empezaron a berrarme, a chamarme cateta e a dicir que o idioma do país era o español"
Unha guía turística do dolmen de Dombate, situado en Cabana de Bergantiños, denunciou publicamente o "ataque" que sufriu por parte dun grupo de turistas de Valladolid por realizar a visita en galego como "así establece" a Deputación da Coruña, de quen depende a xestión do enclave, cando "hai xente galega" nos participantes, "sobre todo se son maioría".
"Basicamente empezaron a berrarme, chamarme cateta, imbécil, mandarme á merda, dicir que o idioma do país era o español, a agarrarme do brazo para que os escuitase, rodeándome, e a dicirme que ían poñer unha queixa ata que chamei ao de seguridade e os botou fóra", explicou a guía, Iria, nas súas redes sociais, nunha publicación na que, doutra banda, expresou o seu agradecemento a outros participantes na visita, da Coruña e de Granada, que lle ofreceron apoio.
Despois de transcender o caso, a Deputación da Coruña expresou a súa "tolerancia cero" ante "calquera tipo de discriminación, burla e menosprezo ao seu uso, actitudes que atentan contra a convivencia, a igualdade lingüística e a legalidade vixente".
Para iso, apoiouse na normativa existente, como son a Ley de normalización lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
A moza tamén recibiu manifestacións de apoio de personalidades como o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. "Moita forza, Iria. E moito obrigado pola dignidade", escribiu.