A exdeputada do PP vítima do accidente de Angrois pide o voto para Ana Miranda
A que foi deputada do PP na Asemblea de Madrid Teresa Gómez-Limón, vítima do accidente do tren Alvia ocorrido hai case seis anos en Angrois (Santiago), pediu o voto para a candidata do BNG Ana Miranda.
A través dun vídeo en redes, Gómez-Limón, "republicana convencida", anima a votar a Ahora Repúblicas, onde se integra a candidatura do Bloque, xunto a ERC e Bildu.
"Non son do BNG nin tampouco son galega, aínda que amo a esta terra", aclara a exdeputada, para agregar a continuación que "grazas a Ana Miranda" as vítimas puidéronse sentir acompañadas".
Segundo subliña a sobrevivente do sinistro, no que morreron 80 persoas e 144 resultaron feridas, "a diferenza doutros políticos", Ana Miranda "é unha política responsable".
Despois do descarrilamento, aínda sendo deputada do PP na Asemblea madrileña, Teresa Gómez-Limón denunciou que o por entón presidente madrileño, Ignacio González, nin a saudou nin lle preguntou como estaba, e xa nese momento anunciou a súa intención de deixar a política cando acabase esa lexislatura.
Ademais, lamentou recibir queixas de membros do PP por criticar a atención ás vítimas do accidente, entre eles do que neses días era secretario de Estado de Infraestruturas e que despois sería designado ministro de Xustiza, Rafael Catalá.