Feijóo chama desde Pontevedra a dar "unha lección de democracia" indo votar
O candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, chamou aos galegos a dar "unha nova lección de democracia" indo votar "masivamente" nas eleccións ao Parlamento deste domingo para demostrar que "este pobo non ten medo, e menos ao que salga das urnas".
Nun mitin en Pontevedra, Feijóo volveu pedir a mobilización dos votantes. "Somos especialistas en gañar as enquisas, non quero ser especialista en que as enquisas me gañen a min", dixo, tras recordar que na súa primeira maioría absoluta, en 2009, as sondaxes auguraban a continuidade do bipartito.
"Os que intentan que non vaiades votar van ir todos a votar. é curioso, pero van ser os primeiros en ir votar", afirmou o presidente do PPdeG, que apuntou que se alegra porque cre que Galicia os necesita "a todos" e porque el é "un demócrata". "E, como creo na democracia, vingo a reclamar que a xente vote e por iso nunca intentarei que a xente non vote", afirmou.
"Pídovos que vaiades votar para que gañe a democracia sobre aqueles que están a alentar ao medo", insistiu na súa intervención, na que manifestou que, se o PPdeG revalida a maioría, Galicia empeza o "luns inmediatamente" a traballar "pola unión do país e para liquidar os problemas".
Fronte a outros territorios de España que "se fragmentaron como consecuencia da irresponsabilidade dos políticos", o PPDEG entrega "unha Galicia unida"
Hai catro anos, dixo, "Galicia preferiu estabilidade a un multipartito" e na actualidade "hai aínda máis razóns para votar estabilidade", posto que ese posible "multipartito" é "máis grande". "Non quero unha Galicia repartida entre bloques de partidos, como pasa en España, quero ser presidente dunha Galicia dunha peza", manifestou.
Fronte a outros territorios de España que "se fragmentaron como consecuencia da irresponsabilidade dos políticos", o PPdeG entrega "unha Galicia unida". "Sei que non todos os galegos estarán contentos se gañamos o domingo, pero poden estar tranquilos porque imos gobernar para eles tamén", afirmou e situou como as súas prioridades "a saúde, o emprego, o benestar e o progreso".
VALORAR A EXPERIENCIA. Feijóo pediu o voto dos que "valoran a experiencia en calquera ámbito da vida", posto que o seu goberno é o que ten "máis experiencia de toda España". "Que ninguén elixa por vós", animou e chamou a lograr que as urnas diten "directamente" o partido que deberá formar goberno.
No mitin interveu tamén o candidato por Pontevedra Alfonso Rueda, quen criticou tamén aos aspirantes doutros partidos que pediron que se suspendan as eleccións na comarca da Mariña. "Cando han visto que non lles van a votar todos os que lles gustaría, a solución é que non vaian votar", recriminou.
Cando alguén "quere que non se vaia a un colexio electoral a votar, sempre é por algo", dixo Rueda, que defendeu que acudir ás urnas "é seguro" e animou a facelo "con absoluta liberdade e tranquilidade".