Feijóo: "Haberá máis risco de contaxio fóra que dentro das aulas"

Alberto Núñez Feijóo, este mércores en rolda de prensa. PEPE FERRÍN (AGN)
O presidente mantén "mediados de setembro" como data de inicio do curso escolar, aínda que non descarta "algún deslizamento de datas"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantén, a pesar de que "inevitablemente" haberá brotes do coronavirus, "mediados de setembro" como data para a volta ao colexio en Galicia, con independencia de que nos próximos días –están pendentes a reunión sectorial deste xoves e a conferencia de presidentes sobre o inicio do curso– poida concretarse "algún deslizamento de datas". 

En todo caso, após participar na reunión do comité clínico, o presidente galego quixo enviar unha mensaxe de "tranquilidade" aos pais e proclamou que o protocolo da Xunta –que está en reaxuste e cuxo contido definitivo se coñecerá a partir do 7 de setembro– "minimiza os riscos". "Haberá máis risco de contaxio fóra que dentro das aulas", proclamou. 

O mandatario autonómico incidiu en que, segundo os sanitarios que asesoran á xunta, a aula será "un lugar moito máis seguro que outros" que os nenos e mozos frecuentan para o seu "esparexemento" ou outras cuestións. "Que os pais e nais non teñan medo de enviar aos seus fillos ás aulas, son lugares con supervisión sanitaria que acreditarán que son seguros", aseverou. 

"Pedimos tranquilidade. Sabemos o que estamos a facer, sabemos a importancia do inicio do curso escolar e temos un protocolo exhaustivo", esgrimiu o presidente, quen remarcou que nel se adoptan os pasos a seguir antes de acudir aos centros, como usar adecuadamente a máscara e tamén como actuar cando se produza un brote, algo que –dixo– sucederá "inevitablemente". 

Feijóo remarcou que a tendencia fóra de España é tamén, "de forma xeral", e con independencia de volver ás clases virtuais puntualmente se hai un brote, é a educación presencial. E en Galicia a previsión é seguir unha pauta similar con "mediados de setembro" como data de regreso, aínda que poida haber algún "deslizamento de datas" en función dos encontros previstos para os próximos días.

A SITUACIÓN EPIDEMIOLÓXICA INFLUIRÁ. De feito, preguntado acerca de se o protocolo contempla aprazar o inicio das clases ou suspendelas en colexios de concellos que rexistren unha incidencia significativa da Covid-19, deu a entender que será unha cuestión que se terá en conta pero "está a puírse" en que medida. 

Así, indicou que "evidentemente" a situación epidemiolóxica de cada municipio "ten que ter algunha repercusión" en relación a como funcione o ensino no mesmo. 

"Non é o mesmo un concello no que o virus é inexistente ou limitado que outro no que haxa un brote máis xeneralizado. As autoridades sanitarias farán un seguimento constante e estarán en constante comunicación con Educación", indicou.

LAMENTA A "INACCIÓN" DO GOBERNO. Máis aló, Feijóo insistiu na súa reivindicación dun protocolo único para o conxunto do Estado e lamentou a "inacción" do Executivo que dirixe o socialista Pedro Sánchez, así como que aínda non concretase data para a conferencia de presidentes específica sobre o inicio do curso, a pesar de que inicialmente trasladou ás comunidades que tería lugar "a última semana de agosto". 

En todo caso, defendeu que Galicia está a reaxustar o seu protocolo, de "case cen páxinas", e lembrou algunha das medidas xa anunciadas como que se contratará "a un milleiro de profesores de ser necesarios", que se está realizando test serológicos aos docentes e que se formará aos 4.000 profesores que formarán parte dos denominados 'equipos Covid' nos distintos centros educativos.