Feridas dúas persoas tras caer o seu vehículo ás vías do tren no Porriño
Dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) despois de que o coche no que viaxaban caese ás vías do tren desde unha altura duns sete metros no Porriño. Segundo informa o 112 Galicia, os feridos neste sinistro puideron saír polos seus propios medios do turismo accidentado, que acabou envorcado.
O sinistro produciuse no punto quilométrico 18 da A-55, sentido Tui, sobre as 19.00 horas. Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para avisar do ocorrido.
Por parte do CIAE 112 Galicia pasouse o aviso ao persoal de Adif, á Policía Local, a Protección Civil do Porriño, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros do Porriño.
Ao lugar o 061 enviou unha ambulancia de soporte vital básico que trasladou ao HAC a dous homes de 42 e 44 anos de idade, informaron fontes sanitarias. Unha vez trasladadas as persoas feridas, o vehículo foi retirado das vías por un guindastre.
A circulación de tren entre O Porriño e a estación de Guillarei, en Tui, quedou interrompida pola caída do coche, o que provocou a demora de trens.