Fernando Suárez, presidente do CPEIG: "Unha vez publicamos un dato en internet, perdemos o control sobre o mesmo"

Fernando Suárez. CEDIDA.
Neste Día Europeo da Protección de Datos, data proclamada pola UE, o Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia evidencia os desafíos que a tecnoloxía e a innovación xeran na protección de datos co obxectivo de concienciar á cidadanía sobre a súa privacidade 

Nun mundo dominado pola dixitalización e a intelixencia artificial (IA), os datos persoais da cidadanía son cada vez máis vulnerables. Fernando Suárez (Ferrol, 1973) analiza os perigos aos que se enfronta a protección de datos e detalla a importancia de resgardar a información persoal.

Existen máis perigos que antes en materia de protección de datos?
Estamos máis expostos porque facemos un maior uso da tecnoloxía, dos servizos que da Internet, das redes sociais, etc. Aínda que non paguemos por empregar aplicacións como Facebook ou Instagram, usamos como moeda de cambio os nosos datos persoais. Tamén é certo que a dixitalización está chegando a tódolos ámbitos da nosa vida e a tódolos nosos datos sociais. Por outra banda, estase a regular para protexer á nosa persoa, á nosa privacidade e á nosa intimidade dun mal uso desta información, pero a regulación non serve de nada sen concienciación e formación. É o que busca o día de hoxe: amosarlle á sociedade a importancia que ten protexer os seus datos.

A qué desafíos nos enfrontamos?
Os datos transmiten, cada vez máis, un perfilado máis axustado dos nosos gustos, da nosa personalidade,... En moitos casos, esta información está en mans de empresas que o que buscan é simplemente un retorno económico, pero poden acabar tamén baixo o poder de ciberdelincuentes que a van usar para cometer delitos contra a nosa intimidade ou a nosa economía. Ademais, tamén está a aumentar o uso de ferramentas como as redes sociais ou a intelixencia artificial que, se ben non son negativas por si mesmas, poden expoñernos a certos riscos se facemos un mal uso delas.

"Aínda que non paguemos por empregar aplicacións como Facebook ou Instagram, usamos como moeda de cambio os nosos datos persoais"

Qué implica a utilización da IA e de ferramentas como ChatGPT Health ou Grok Imagine?
A IA funciona grazas a cantidades de datos, algúns de carácter persoal, que se utilizan para poñela en funcionamento. Temos que ser conscientes de que compartir esa información pode darnos unha exposición elevada e indesexada. Fálase de ChatGPT e Grok Imagine porque son as ferramentas máis novidosas e as que marcan a diferencia respecto ao nivel de exposición ao que nos enfrontamos. Grok non ten practicamente límites e conta cun modo picante que permite transformar imaxes persoais, incluso de terceiros e sen o seu consentimento, en contido erótico-sexual. Incluso temos visto casos nos que se emprega este tipo de IA para facer imaxes modificadas de menores. É un tema que nos alarma pola súa facilidade de uso, a súa accesibilidade e a falta de control existente. ChatGPT Health, por outra banda, permite subir o noso historial médico para recibir consellos de saúde que, moitas veces, substitúen a opinión dun profesional. É algo que nos preocupa porque, ademáis, estamos a dar eses datos a unha ferramenta dun país que está fóra da UE e do seu marco regulatorio.Non sabemos quenes os van a usar, non podemos estar seguros de que vaian a protexelos e ignoramos se as súas políticas de privacidade van a ter un cambio a medio ou longo prazo.

Somos conscientes do valor que teñen os nosos datos persoais?
Na gran maioría dos casos non somos conscientes porque xa estamos acostumados a empregar ferramentas que nos piden esa información para funcionar. É un tema social como o que acontecía no medio rural e nas cidades. Nas aldeas, esa intimidade era menor porque todo o mundo sabía sobre os outros. Nas urbes, en cambio, había unha conciencia da privacidade más elevada. Asimesmo, creo que isto tamén ocorre por falta de formación: foi algo que chegou de xeito repentino a todo o mundo e sen ningunha concienciación previa. Considero que a educación é algo absolutamente básico para tomar conciencia dos riscos que existen neste ámbito. Quero facer un chamamento á xente para que entenda a importancia que teñen eses datos que moitas veces ceden de xeito indiscriminado e sen ningún tipo de control.

É fundamental esixir unha política mínima de cesión de datos que garanta que, por defecto, a facilitación de datos se faga de maneira explícita"

Ás veces tamén os damos sen sabelo, como cando saen anuncios no móbil sobre algo que dicimos.
Efectivamente, estamos en permanente vixianciancia. Xa non só se recolle o que publicamos de forma consciente, senón tamén o que decimos de maneira inconsciente. Esas conversas que mantemos poden estar sendo gravadas polos micrófonos dos teléfonos móviles, esas ubicacións que compartimos poden dar información sobre onde estamos,... É fundamental coñecer o contexto no que vivimos e esixir unha política mínima de cesión de datos que garanta que, por defecto, a facilitación de datos  se faga de maneira explícita.

Qué debería ter en conta á cidadanía á hora de protexer mellor a súa información persoal?
A xente debe saber que os nosos datos teñen un gran valor e que con eles estamos a soster numerosas empresas de base tecnolóxica. Tamén é importante que lembren que, unha vez publicamos un dato en internet, perdemos todo o control sobre o mesmo. Por iso, debemos ser máis responsables sobre o queremos e non queremos compartir de xeito practicamente indefinido con outras persoas que van a ter acceso a ese contido. Claro que podemos ceder esta información, pero sempre con consciencia e sabendo que non imos ter garantías do que se vai facer con ela