Benigno Amor, xerente de Balnearios de Galicia: "Apostar polas augas mineromedicinais diminúe o gasto sanitario"

Benigno Amor. CEDIDA.
Galicia é unha terra coñecida pola súa riqueza en augas termais e mediciñais, un feito que nos sitúa como un dos destinos de referencia de España

A Asociación de Balnearios de Galicia nace en 1985 para representar os intereses do sector termal galego tras unha xuntanza entre dez empresarios. Corenta anos despois, esta organización celebra o aniversario dunha traxectoria marcada pola modernización do termalismo e a recuperación da docencia de hidroloxía médica.

Actualmente está integrada por 18 establecementos das 4 provincias galegas que representa ao 86% do sector e xera máis de 6.000 empregos directos e indirectos. En Lugo, destacan os balnearios de  Augas Santas (Pantón), Guitiriz, Lugo-Termas Romanas; mentras que en Pontevedra, están Acuña e Dávila (en Caldas de Reis), Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Caldelas de Tui, Illa da Toxa, Gran Hotel A Toxa e o balneario de Mondariz.

Como e por que xurdiu Balnearios de Galicia hai 40 anos?
A asociación naceu da iniciativa de dez empresarios de balnearios que se xuntaron no Gran Hotel da Toxa nunha época na que o termalismo estaba case esmorecente. Non obstante, a partir dese momento producíronse unha serie de fitos que propiciaron o rexurdimento da cultura termal. Algúns foron comúns ao que pasou no resto de España, como a creación do programa de termalismo social do Imserso, pero outros foron específicos de Galicia. Asumimos competencias directas en materia de balnearios, promulgouse unha lei propia no ano 95 e saíron axudas para a creación e mellora de establecementos balnearios. 

Que momentos destacaría como determinantes nestes 40 anos de historia da Asociación?
A recuperación da docencia de hidroloxía médica na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago é, sen dúbida, un dos grandes fitos. Era unha docencia que viña de atrás e que -grazas ao profesor Luis Rodríguez Míguez ou ao Doutor Carro— se retomou no 2006 como unha asignatura optativa. Despois, no ano 2011, creouse unha Cátedra cuxa finalidade é que os alumnos dos últimos cursos da carreira poidan coñecer a riqueza que ten Galicia en augas mineromedicinais e os seus beneficios para o tratamento de determinadas doenzas.

Que outros fitos destacarías?
No ano 2010, con motivo do 25 aniversario da asociación, fíxose un importante estudo —publicado por Galaxia e co equipo do profesor Luis Álvarez da Universidade da Coruña— chamado ‘O Lecer das augas. Historia dos Balnearios de Galicia’ para seguir divulgando e promocionando o noso termalismo. Tamén no ano 2011 creouse un clúster das augas minerais de Galicia entre os balnearios e a Asociación Galega de Empresas de Envasado Auga Mineral Natural. Este é un clúster diferente ao resto porque máis que a cadea de valor, mira a protección do recurso, algo pioneiro en toda Europa.

"Galicia é o destino termal de referencia en España grazas á nosa riqueza en augas mineromedicinais e termais"

Como evolucionou o modelo de balneario galego desde os anos 80 ata o momento actual?
Antes había moitos balnearios que abrían únicamente no verán e a temporada só duraba 3 meses. A día de hoxe, todo cambiou. A tempada soe durar, na maioría dos casos, 10 meses e péchase durante outros dous para facer obras de mantemento e posta a punto. Aínda así hai balnearios que están abertos todo o ano.  É un turismo moi desestacionalizado e reformáronse as instalacións balnearias por completo, adaptándoas ás exigencias do público e con equipos e tecnoloxías modernas.

Podemos considerar Galicia como unha potencia termal estatal?
Sen dúbida. Galicia é o destino termal de referencia en España grazas á nosa riqueza en augas mineromedicinais e termais. Tamén inflúe a existencia dun empresariado que as puxo en valor e que apostou por elas con investimentos, dedicación, un compromiso forte e cunha vinculación que vén en moitos casos de familia. Neste senso, foron importantes aquelas convocatorias de axudas ao turismo impulsadas pola Xunta durante os anos 90. Logo, tamén está o feito de que as instalacións son modernas e están atendidas por profesionais cualificados.

En que se diferencia a calidade das augas mineromedicinais galegas ca doutros territorios termais?
O recurso mineral é un factor importantísimo para o éxito do sector e este liderazgo dentro de España. A composición das augas mineromedicinais está condicionada polos nosos subsolos. Son augas de infiltración, augas de choiva, que se van mineralizando a través dun percorrido por un solo pouco permeable pero con fisuras e que van arrastrando os minerais do granito, da lousa, dos esquistos. Neste sentido, hai unha correlación importante entre auga e subsolo, o que da lugar a que en sitios como o Balneario de Lugo se estean empregando augas de orixe milenaria que se foron mineralizando a través dos séculos.
Segundo un informe do IGME, Galicia conta con 10 subdominios hidrominerais. Isto é o que fai que nuns lugares as augas sexan frías e noutros sexan quentes, ou que algunas zonas estean máis cargadas duns minerales e outras teñan outros. Contamos cunha variedade importante de augas, algunas son boas para certos tratamentos e para a balneación e outras son magníficas para envasado.

"Sitios como o Balneario de Lugo empregan augas de orixe milenaria que se foron mineralizando a través dos séculos"

Que propiedades terapéuticas e beneficios ofrecen as augas mineromedicinais galegas?
Cada balneario ten as súas propias indicacións, pero, en liñas xerais, sonn boas para: tratamentos de enfermidades crónicas do aparello locomotor (reumatismos, artrosis), do aparello respiratorio, problemas de pel e tratamentos dixestivos. Ademais, son augas que melloran a calidade de vida dos termalistas e, cando se trata de rehabilitacións ou determinadas operacións do aparello locomotor, aminoran os tempos de recuperación. Neste sentido, apostar polos balnearios e augas mineromedicinais contribúe a diminuir o gasto sanitario e o gasto farmacéutico das administracións.

Cal é o aspecto diferenciador dos balnearios lucenses? Que particularidades destacarías?
Lugo é unha provincia cuns balnearios senlleiros que vale a pena coñecer e gozar. Podemos falar da tradición milenaria que ten o balneario de Lugo con esas magníficas termas romanas —conservadas coa dedicación e esforzo da familia Garaloces Gandoy— nun marco privilexiado como é a súa localización a carón do río Miño. Tamén podemos mencionar a aposta polo presente que fai o grupo Iberik cos balnearios de Augas Santas e Guitiriz, dous establecementos adaptados, modernos e situados nun enclave rural magnífico.

Pontevedra é a provincia con máis balnearios dentro da Asociación: 8 dos 18. ¿Por qué esta concentración?
En Pontevedra hai unha importante concentración de balnearios pola orixe subterránea das augas minerais e o proceso de mineralización. Isto fai que haxa unha oferta importante e moi variada ao mesmo tempo. Están os balnearios senlleiros —como o Gran Hotel de la Toja e o Balneario de Mondariz—, establecementos que tiveron un gran desenvolvemento nos últimos anos, balnearios rurais de recente creación e balnearios históricos que conservan un bo facer con magnificas augas —como é Caldelas de Tui—.

Podemos ser un destino termal de referencia en Europa?
Contamos cos mimbres necesarios para selo. Hai balnearios que están perfectamente preparados para atraer clientela de fora e, sobre todo, deses países onde o termalismo está máis desenvolvido e onde coñecen perfectamente o que buscan. Obviamente habería que facer unha formación continua do persoal, unha promoción axeitada e atopar a touroperadores —tanto como receptivos en Galicia como de fóra— que propicien que esa clientela estranxeira poida chegar aos nosos balnearios.

"Hai que seguir ollando cara a tradición para adaptarse aos novos tempos sen perder a identidade co territorio"

Moitos balnearios sitúanse en contornas rurais, como en Lugo. Son motores de dinamización económica e social?
Si. As augas non se poden deslocalizar e en Galicia xeran riqueza e contribúen a dinamización socioeconómica das comarcas nas que están. Son  destinos de saúde que crean destinos turísticos. A xente vai a estes lugares buscando saúde pero tamén lecer. Logo, cómpre mencionar que contribúen a fixar poboación porque se contrata a persoas da contorna e se surten de provedores locais e comarcais. Tamén xeran oportunidades para que se creen emprego inducido e directo na zona na que están.

Por onde pasa o futuro dos balnearios galegos?
Hai unha liña moi marcada: hai que seguir ollando cara a tradición para adaptarse aos novos tempos sen perder a identidade co territorio. Como di Antonio Garaloces do Balneario de Lugo, “a diferenza está na auga”. Temos que diferenciar o noso produto dos outros. Os nosos valores son as augas mineromedicinais explotadas dun xeito sostible e temos que seguir promocionándoas así. Tamén debemos seguir adaptándonos ás melloras tecnolóxicas, ás innovacións que vaian xurdindo e capacitando cada vez máis ao persoal dos balnearios.

Percíbese un cambio no perfil dos usuarios de balnearios?
Temos un público de tódalas idades. É fácil chegarse un balneario e atoparse desde nenos ata persoas maiores convivindo tranquilamente. Temos o perfil do termalista xubilado pero tamén hai xente nova que se achegan aos balnearios como forma de lecer. É un produto interxeneracional que permite compatibilizar a xente recibindo tratamentos sanitarios con xente que vai a relaxarse