Hospitalizado un home tras un accidente entre dous coches en Tui

112 Galicia. DP
Hospitalizado un home tras un accidente entre dous coches en Tui

Un home resultou ferido este martes tras chocar co seu automóbil contra outro turismo na estrada PO-340, que comunica os concellos de Gondomar e Tui.

Segundo informou o 112 Galicia, o accidente tivo lugar sobre as 17.00 horas, momento en que un particular alertou do sinistro, que se rexistrou na parroquia tudense de Randufe, e pediu asistencia sanitaria ante a posibilidade de que houbese persoas feridas e atrapadas, xa que un dos vehículos envorcara. Así mesmo, o ocupante dun dos vehículos implicados realizou unha chamada automática a través do sistema eCall, o que permitiu aos servizos de urxencia coñecer a localización exacta do sinistro.

O 112 Galicia avisou aos Bombeiros do Baixo Miño e ao GES da Guarda aínda que, xa no lugar, descartouse o uso do material de excarceración tras comprobar que o único ocupante do vehículo envorcado estaba liberado. Ademais, solicitouse a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos axentes de Tráfico e da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil da localidade.

Finalmente, o ferido foi evacuado con lesións de diversas consideración ao Hospital Álvaro Cunqueiro.

Dado que o accidente deixou numerosos restos na vía, foi necesaria a participación do persoal de mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas para recuperar as condicións de seguridade da calzada.