A II República ou o boom latinoamericano, no primeiro día da Selectividade

A proba arrincou cos típicos nervios e coas probas de Lingua e Literatura Castelá, Historia, Lingua Galega e Lingua Estranxeira

Probas da Selectividade en Pontevedra. DAVID FREIRE
Probas da Selectividade en Pontevedra. DAVID FREIRE

"Normalidade absoluta". As probas de selectividade deron comezo este mércores na comunidade galega cun clima marcado polos clásicos nervios do primeiro día. 

A Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (Abau) inaugurou a rolda de exames que afrontan máis de 11.000 alumnos ata este venres e na que os mozos tiveron que trasladar as súas reflexións e argumentos sobre violencia machista, a corrección política, a obra de García Márquez ou a II República, entre outras cuestións. 

A proba de Lingua Castelá e Literatura II marcou o arranque da xornada, a partir das 10.00 horas, cun modelo de exame idéntico ao da antiga PAU: un fragmento dun texto ou artigo de prensa e diversas cuestións sobre o contido, a tipoloxía dalgunhas palabras sinaladas e outros temas de desenvolvemento teórico sobre os contidos literarios abordados durante o curso. 

No caso da primeira opción dispoñible, un artigo de Almudena Grandes para o diario El País no que a autora aborda a diferenciación da violencia machista respecto doutras formas de odio e agresións, considerando que se trata dunha tradición criminal que esclavizou e maltratou á metade da poboación a favor da outra metade. 

Os aspirantes tiveron que reflexionar e argumentar sobre as ideas contidas no texto, ademais de realizar un comentario crítico. Así mesmo, ademais de exercicios sobre sintagmas, frases nominais e subordinadas, a parte máis teórica do exame incluía unha análise de personaxes de La Fundación, de Antonio Buero Vallejo a través dun fragmento da obra. 

Finalmente, a opción abordaba cuestións sobre a narrativa hispanoamericana da segunda metade do século XX e o boom protagonizado por Borges, Cortázar ou García Márquez, na que se preguntaba ademais por trazos característicos das obras da época nun breve fragmento de Cien años de soledad

A opción B, pola súa banda, estaba presentada por un texto de Muñoz Molina para El País no que se reflexiona sobre o debate entre a corrección política e a liberdade de expresión e da creatividade, nun momento no que parece que o odio é cada vez máis respectable ou lexitimo e a agresividade da linguaxe vai en aumento nos foros, as redes sociais ou a política. 

Ademais dos exercicios relativos ao artigo, o exame propuña abordar o xénero literario de La verdad del caso Savolta, apoiándose nun fragmento da obra, ademais de disertar sobre as traxectorias poéticas de Antonio Machado e Juan Ramón Jiménez.

Fernando VII e a II República en Historia
O seguinte exame da mañá foi o de Historia de España, tamén cunha estrutura similar ao da antiga selectividade. 

A proba estaba estruturada en dous partes: unha primeira de definición de diversos termos e sobre outras cuestións, como o Neolítico, os Reis Católicos, o pensamento ilustrado ou as crises baixo medievais; e a clásica composición dun texto histórico a partir de varios documentos incluídos. 

Nesta ocasión, os alumnos poderían elixir entre realizar unha redacción sobre a restauración de Fernando VII e do absolutismo, a política seguida tralo seu retorno a España, a delimitación temporal e as características do Trienio Liberal e a Década Ominosa (opción A); ou abordar as grandes reformas da II República, sobre todo atendendo ás motivacións e o contexto do programa reformista, as principais medidas e as consecuencias. 

A xornada conclué con Lingua Galega e Literatura II e Primeira Lingua Estranxeira II, ás 15.30 e ás 17.30 horas, respectivamente.

Comentarios