Investigada unha barcelonesa por usar datos bancarios de galegos para comprar online

Un membro da Policía Xudicial da Garda Civil nunha foto de arquivo. AEP
Atribúeselle un delito de estafa

A Garda Civil de Ferrol en colaboración coa Policía Xudicial de Barcelona procedeu á identificación dunha veciña da cidade condal á que se investiga como presunta autora dun delito continuado de estafa ao comprar artigos por internet usando de xeito ilícito os datos bancarios de persoas residentes en Galicia. 

Segundo informa o instituto armado, a investigación iniciouse por mor dunha denuncia presentada por unha veciña de Pontedeume que aseguraba que se realizaron catro cargos non autorizados á súa conta bancaria por un importe total de 366 euros. Os axentes comprobaron que estes cargos correspondían a compras realizadas na páxina web de dous supermercados, cunha identidade falsa e unha dirección envío a un domicilio da cidade de Barcelona. 

Posteriormente, tamén constataron que a presunta autora do delito realizara dúas compras do mesmo tipo, neste caso, na localidade de Oleiros. Tras solicitar a colaboración da Policía Xudicial de Barcelona, a presunta autora do delito de estafa foi identificada e posta a disposición, xunto coas actuacións realizadas, do xulgado de instrución de garda de Betanzos.