Lanzan unha app móbil para recoller cogomelos en Galicia con máis seguridade

Unha persoa utlizando a app Mycokey. EP
Micokey Galicia é a ferramenta ideal para os afeccionados á recollida de fungos 

Recoller cogomelos nos montes e bosques de Galicia con máis seguridade é o obxectivo da aplicación móbil Micokey Galicia, que permite aos seus usuarios, incluso os menos familiarizados coa micoloxía, identificar diferentes especies de fungos.

A iniciativa parte de MycoGalicia Plantae, socia do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida e EBT (Empresa de Base Tecnolóxica) da Universidade de Vigo, segundo infórmase a través dun comunicado.

Esta aplicación móbil, aínda en fase de desenvolvemento, pero xa dispoñible de forma gratuíta para dispositivos Android, permite identificar as especies de fungos a través de carácteres macroscópicos.

Baséase no emprego dunha clave dicotómica que inclúe máis de 400 especies e uns 800 esquemas que ilustran os pasos a seguir na identificación dos cogomelos, con especial fincapé nos carácteres morfológicos e ecolóxicos das diferentes especies.

Esta aplicación, que foi lanzada en galego, aínda que pronto incorporará as versións en castelán e portugués, ten caracterizados os fungos máis representativos do noroeste peninsular.

Andrés Cordeiro, socio fundador de MycoGalicia Plantae, destaca que "unha boa parte" dos afeccionados á micoloxía collen cogomelos no monte de Galicia "incentivados por naturalistas e persoas sen formación" sobre a materia, e non prestan a "suficiente atención e as correctas pautas" para a identificación das especies.

Engade que a diferenza doutras aplicacións xa dispoñibles no mercado, Mycokey Galicia pretende ser tamén unha ferramenta formativa sobre aquelas especies non comestibles, pero cun "importante papel ecolóxico" no medio no que nacen.