Lois Orosa, director do Cesga: "A fábrica da intelixencia artificial supón un antes e un despois. Pon Galicia en Europa"

Lois Orosa, director do Cesga. NACHO SANTÁS
Galicia ábrese paso na era dixital co Cesga, que logrou unha das 19 factorías de IA coas que Europa aspira a reducir a súa dependencia tecnolóxica. Cun investimento de 82 millóns, a factoría asentarase na Sionlla, na nova sede do centro, que a Xunta vén de declarar coma o primeiro proxecto estratéxico de investigación de iniciativa pública de Galicia para axilizar as obras e rematalas para xuño.

Os avances en campos como a medicina personalizada, o estudo do clima ou o sector forestal fráguanse no Cesga. Tras dotarse no 2021 do supercomputador que daquela tiña a maior potencia de IA de España, o Finisterrae III –capaz de resolver 4.000 billóns de operacións matemáticas por segundo–, o centro santiagués prepárase agora para acoller unha nova 'máquina' con maiores capacidades de intelixencia artificial. Á fronte desta institución impulsada pola Xunta e o CSIC, está o enxeñeiro en Telecomunicacións e doutor en Arquitectura e Tecnoloxía de Ordenadores Lois Orosa (Santiago, 1982), cunha ampla experiencia en compañías como IBM, Xilinx ou Recore Systems.

En que vai consistir a fábrica de IA?
É un concepto que pode despistar, pois non é coma unha fábrica de coches, por así dicilo. As fábricas de IA foron ideadas pola UE para lograr unha maior soberanía tecnolóxica. Están pensadas coma espazos no que se deseñan, proban e implementan solucións de intelixencia artificial. No noso caso, a factoría está composta por dous elementos principais e un terceiro algo menor. Os dous primeiros son un supercomputador optimizado para IA que vai estar no Cesga e unha serie de servizos especializados en IA que imos ofrecer dende todo o ecosistema galego,  orientados a pemes e universidades.

Para os que somos legos na materia. Que aplicacións prácticas terá a nova factoría?
O obxectivo é axudar principalmente ás pequenas e medianas empresas e ás universidades a desenvolver os seus modelos e a xestionar os seus datos para que sexan útiles para algoritmos de IA e tamén en temas éticos e legais... Poderán vir onde nós empresas sen idea de IA e que, por exemplo, nos digan que teñen unha morea de datos con información útil que non saben como aproveitar. Axudariámoslles a analizar a calidade deses datos para ver se serven para o que queren facer e incluso lles dariamos formación. Será algo moi personalizado. Haberá un abano moi amplo de servizos; dende uns básicos de formación a outros moi avanzados, como os que pode precisar quen teña o seu modelo de IA desenvolvido pero que necesite adaptalo ao supercomputador para facer grandes entrenamentos. Iso si, todos terán que ser casos de uso no campo da saúde, 'One Health'.

"Estreamos un enlace de comunicacións cuánticas 100% novidoso para transmitir información de forma supersegura"

Pero non só da saúde humana...
Humana, animal e ambiental. É a saúde global. Exemplos de áreas nas que se podería avanzar son a medicina personalizada, na que a os algoritmos de IA teñen moito que dicir. O envellecemento saudable, o desenvolvemento de fármacos, vacinas, os novos modelos climáticos, a biotecnoloxía azul, a gandaría ou o forestal, con asuntos como a previsión de lumes.

Lois Orosa, director do Cesga. NACHO SANTÁS

Como se posicionará Galicia na rede de nodos de supercomputación española con esta fábrica, a segunda do país trala de Barcelona? Suporá un salto cualitativo?
Totalmente. Para nós, marcará un antes e un despois. Isto pon Galicia en Europa, pois é unha factoría de IA europea. É dicir, non imos dar servizo só a pemes e universidades galegas. Virán empresas europeas. Imos ter moita visibilidade e abrirá oportunidades de negocio para o tecido produtivo. Somos unha das 19 factorías concibidas en Europa e temos dous elementos moi diferenciais. Somos a única especializa en saúde global, o que nos aporta moito valor, e propoñemos unha plataforma experimental para IA. É a terceira pata da que falaba, que conta cun financiamento máis modesto.

En que consiste esa plataforma?
Teremos fondos para investigar e desenvolver a infraestrutura que virá nos próximos supercomputadores europeos para axudar en temas de IA. Trátase de achegar o noso gran de area ao desenvolvemento de tecnoloxía europea.

"Temos máis de 1.600 usuarios. Por exemplo, no Cesga faise a predición do tempo de MeteoGalicia 2 veces ao día"

Todo isto reforzará ao Cesga fronte a xigantes como Google, Meta, Amazon ou Microsoft, que teñen o control da IA, dos datos e da atracción do talento?
Non pretendemos competir con esas grandes multinacionais. Non somos unha empresa, non xogamos nesa liga. O noso papel é precomercial. Unha vez que unha empresa ten un produto final, o Cesga non é o lugar para estar. Para iso hai outros instrumentos que impulsa a UE: as xigafactorías, que terán unha máquina e un financiamento moitísimo maiores. Os promotores serán actores privados e esas xigafactorías estarán pensadas para facer negocio cos modelos de IA. Teremos conexión con elas, pois seremos dúas patas do mesmo ecosistema. No noso caso, centrados nunha etapa máis de innovación e de axudar a pemes que queren ir por ese camiño. En canto ao talento, para nós é moi difícil competir cos salarios das grandes tecnolóxicas. Requirimos o mesmo tipo de perfís profesionais. Para captalos, xogamos con ofrecer proxectos moi atractivos, como a factoría de IA.

En outubro, marcaron un fito ao enlazar o Cesga co Vigo Quantum Communication Center coa liña de comunicacións cuánticas máis longa de España. Para que serve?
É algo totalmente novidoso. Basicamente, serve para transmitir de maneira moi segura entre Santiago e Vigo. Podemos transmitir a través desta canle claves cuánticas que nos serven para encriptar información de forma supersegura. É dicir, é un avance para crear a internet do futuro supersegura. Trátase de que empresas e universidades fagan casos de uso para poder experimentar.

A cantos usuarios atende o Cesga e que servizos fornece?
Temos máis de 1.600, todos de perfil innovador ou investigador. Traballamos con MeteoGalicia, pois aquí faise a predicción do tempo dúas veces ao día. Con Augas de Galicia faise a predicción de inundacións. E estamos no programa europeo Copernicus para predicións mariñas. Temos moitos usuarios investigadores das universidades que precisan grandes capacidades de computación. Traballamos en temas climáticos, de xenómica, de física... E axudamos a empresas a implementar algoritmos con alto rendemento.

"Pronto seremos uns 100 traballadores e a nova factoría permitirá crear outros 100 empregos"

Como evolucionou o cadro de persoal do Cesga dende o 1993?
Empezamos con poucas persoas. Creo que non chegaban a dez. Ao longo dos 30 anos houbo picos de máis de 60 persoas en épocas nas que tivemos moitos proxectos e bo financiamento. Agora estamos en máximos históricos. Somos uns 70 e estamos cun proceso de selección dunhas 20 persoas. Pronto seremos preto de 100, sen contar a xente que virá coa factoría de IA.

Hai unha previsión de creación de emprego coa nova fábrica?
Estamos aterrando a proposta. Pero estase falando de que virán máis ou menos unhas 100 persoas. Non todas se incorporarán ao Cesga, porque neste proxecto non só daremos servizos nós, senón tamén as universidades. Pero xeraranse moitos máis empregos indirectos.