Luis Torres, presidente do Consello da Avogacía Galega: "O que se nos ofrece non cubre a suba do IPC"

Luis Torres durante la toma de posesión de como nuevo presidente del Consello da Avogacía Galega. CEDIDA
Avogados e procuradores da quenda de oficio levan dous anos de folga loitando por unhas condicións laborais dignas. No medio deste pulso prolongado, Consello da Avogacía e Xunta continúan sen atopar un consenso sobre os novos Baremos da Quenda de Oficio de 2025

O Consello da Avogacía acaba de dicir non ao novo baremo da quenda de oficio. Por qué?
Nós tiñamos asinado un convenio dun baremo coa Xunta, que é quen ten as competencias, por cinco anos. Fixémolo no 2019 e rematou hai un mes, este mesmo outubro. Desde o consello, entón, solicitamos un novo baremo actualizado, entendendo que era o que nos correspondía, e a Xunta fíxonos unha contraoferta que consideramos insuficiente para todo o que solicitamos.

A súa última proposta supoñía un incremento do 50% sobre o investimento actual. Que lles ofrece o Goberno galego a cambio?
A Xunta ofrécenos moito menos. Non podo dicir exactamente o que nos propoñen, pero o incremento que nos ofertan non chega nin a cubrir a suba do IPC dos últimos cinco anos. Este é un dos motivos polos que non podemos aceptar a proposta. Ademais, cada vez máis, vanse incrementando os novos asuntos que cubre a xustiza gratuíta e non aumenta para nada o que se cobra por facelo. Agora atendemos delitos de violencia sexual, trata de persoas…Como sabiamos que isto ía ocorrer, desde o consello levamos tempo solicitándolle ao presidente da Xunta unha entrevista. Queremos dicirlle "Vai rematar o baremo; temos que negociar un novo" para que despois non nos diga que non está orzamentado. A día de hoxe, non recibimos resposta a esa petición. Si quero aclarar que, co director xeral de Xustiza, José Tronchoni, temos unha comunicación permanente. Non obstante, nós queriamos falar co presidente, co que mantiñamos unha boa relación cando foi conselleiro de Xustiza.

"Cada vez vanse incrementando máis os novos asuntos que cubre a xustiza gratuíta e non aumenta para nada o que se cobra por facelo"

Cales son, a día de hoxe, as condicións que teñen os avogados do turno de oficio en Galicia?
Seguramente o convenio que tiñamos ata o de agora fose dos cinco con mellores condicións de España. Pero, agora mesmo, os outros baremos subiron moito máis e nós quedamos na mesma situación na que estabamos. O que pedimos é que se nos incremente o que entendemos que é digno cobrar por cada asunto que levamos. Non podo especificar canto cobra cada avogado de oficio por este traballo porque depende dos asuntos que leve. Pero, por exemplo, en Ferrol o que se ingresa vai a unha caixa común e despois repártese entre todos os que están de quenda.

"Queremos que este tipo de xustiza de balde sexa para as persoas que realmente a necesitan, non para todo o mundo"

Que outros cambios son necesarios para dignificar este servizo?
Primeiro, ten que haber unha reforma da lei de xustiza gratuíta que determine que asuntos son os que hai que levar e en que condicións. Antigamente, a xustiza era de balde para as persoas que estaban en beneficencia. Despois, creouse unha nova lei que fixou o dereito a acceder a esta xustiza para as persoas que non chegasen ao salario mínimo interprofesional. Iso cambiou nos últimos tempos co baremo do Iprem. Ademais, a día de hoxe, os asuntos que tratan os avogados de oficio empezáronse a incrementar. Agora métese dentro da xustiza gratuíta a violencia de xénero, os delitos contra menores e persoas discapacitadas, os delitos sexuais,... Vaise cubrindo cada vez máis o abanico e isto é como xerar unha xustiza universal gratuíta de forma encuberta. Queremos que este tipo de xustiza de balde sexa para as persoas que realmente a necesitan, non para todo o mundo.

É sostible no futuro o modelo da quenda de oficio que temos?
Creo que habería que cambialo. En Madrid hai unha nova lei de xustiza gratuíta que aínda está no caixón e da cal non sabemos como vai ser. Este tipo de xustiza debería ser accesible para quen realmente o necesite. Non pode ser que haxa persoas que estean pedindo constantemente un avogado de oficio. Despois, desde o Consello da Avogacía, queremos que o que se pague sexa digno. Por poñer un exemplo, no ano 2001, os colexios de avogados fixeron uns baremos para que se puidese saber canto lle custaban a unha persoa as costas e os xuros de contas. Vinte e catro anos máis tarde, o que se paga pola xustiza gratuíta non chega nin ao 30% daquel baremo. A maiores, temos que ter en conta que, entre o 2001 e o 2024, o IPC incrementouse en máis dun 60%. Tampouco estamos falando de cifras desorbitadas. Aquí en Galicia temos arredor de 3.400 avogados dados de alta na quenda de oficio.