Máis de 300 profesionais da Xustiza reclaman que a nova aplicación informática respecte a oficialidade do galego

A carta está asinada por figuras destacadas da Xustiza galega. AEP
Esixen ao Ministerio e á Xunta que a plataforma Atenea, que substituirá a Minerva en 2026, sexa bilingüe dende o inicio

Máis de 300 profesionais da Xustiza e do ámbito xurídico galego —xuíces, fiscais, maxistrados, avogados ou procuradores— asinaron unha carta aberta na que denuncian a exclusión do galego nos procedementos xudiciais e instan a poñerlle fin dunha vez por todas.

A iniciativa foi promovida pola Irmandade Xurídica Galega, colectivo que defende o uso normalizado do galego no ámbito do Dereito, e vai dirixida ao ministro de Xustiza, Félix Bolaños, e ao conselleiro de Presidencia e Xustiza, Diego Calvo, en vésperas da implantación da nova aplicación informática Atenea, prevista para xaneiro de 2026.

A informática, atranco para a cooficialidade

Na carta denuncian que, malia a existencia dun marco legal que recoñece a cooficialidade do galego e o castelán, a cidadanía non pode ser notificada en galego nin tramitar procedementos íntegros neste idioma.

O motivo é claro: o sistema Minerva, usado desde hai máis de dúas décadas, non conta cunha versión en galego e non permite operar con normalidade nesa lingua. A nova aplicación, Atenea, que se está a desenvolver a nivel estatal, tampouco contempla polo momento unha edición bilingüe.

"Oportunidade histórica para corrixir unha discriminación"

Desde a Irmandade Xurídica Galega alertan de que a menos de sete meses da entrada en funcionamento de Atenea, aínda é posible garantir unha versión bilingüe da ferramenta, como acontece noutras comunidades con dúas linguas oficiais.

Piden que se poña en marcha unha aplicación que inicie por defecto en galego, podendo cambiarse ao castelán cun só clic, como xa ocorre en territorios como Euskadi ou Cataluña. Iso permitiría, por fin, exercer o dereito á escolla lingüística sen limitacións técnicas nin atrancos burocráticos.

Nomes de peso no apoio ao manifesto

A carta está asinada por figuras destacadas do mundo xudicial galego, como o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, o maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG e exlíder político de En Marea, Luís Villares, ou a maxistrada xubilada do TSXG, Teresa Conde-Pumpido.

Tamén conta co aval de Fernando Lousada Arochena, Sandra Iglesias Martínez, Carlos Varela García (ex fiscal superior de Galicia) ou Lucía López-Suevos, entre moitas outras personalidades.