En Marea aprema á Mesa do Congreso a pór en marcha comisión do Alvia

El diputado por la provincia de Lugo Miguel Anxo Fernán Vello. AEP

Miguel Anxo Fernán Vello, en declaracións no Congreso, lamentou que transcorresen catro meses desde que se aprobou a creación e aínda non se teñen dado os pasos necesarios para a súa conformación

 O grupo confederal de Unidos Podemos-En Comù Podem-En Marea, a iniciativa dos deputados da confluencia galega, remitiron á Mesa do Congreso un escrito no que apreman á Cámara a pór en marcha a comisión de investigación sobre o accidente do tren Alvia en Angrois en 2013.

O portavoz de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, en declaracións no Congreso, lamentou que transcorresen catro meses desde que se aprobou a creación desa comisión de investigación, coa oposición do PP, e que aínda non se desen os pasos necesarios para a súa conformación.

Por iso, remitiron un escrito á Mesa da Cámara solicitando a súa "inmediata creación", igual que onte fixo a principal plataforma de vítimas do accidente, que solicitou por carta á presidenta do Congreso, Ana Pastor, que puxese en marcha a comisión.

"É un acto de xustiza, a comisión é necesaria e débese concretar en tempo e forma", dixo o deputado de En Marea tras acusar ao PP de estar a entorpecer a creación da comisión con "manobras de dilación".