Rosa Rodríguez: "A Medalla Castelao é unha honra; pero co agarimo dos pacientes xa saía pola porta grande"

A doutora Rosa Rodríguez Álvarez, médica de familia xubilada do centro de saúde de Adormideras. CEDIDA
Pouco amiga das loanzas, esta facultativa orixinaria de Sober recibirá o sábado 28 un dos distintivos de máis alto rango de Galicia en representación da súa profesión. Despois de 35 anos de servizo no centro de saúde coruñés de Adormideras, o 14 de maio Rosa Rodríguez colgaba a bata rumbo á xubilación e sorprendíana compañeiros e doentes cunha emotiva homenaxe que trascendeu as fronteiras galegas a través das redes sociais

Nunha era impregnada polo individualismo e a escasa empatía, a doutora Rosa Rodríguez (Sober, 1960) conquistou o respecto e o cariño coas súas dotes profesionais como médica de familia e tamén coa humanidade e a humildade que destila. O vindeiro sábado, recollerá a Medalla Castelao con Luar na Lubre, Víctor Fernández Freixanes, Emilio Pérez Nieto e a Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela). Fai extensivo o recoñecemento "a toda a Atención Primaria" porque, como di establecendo un símil no ámbito hospitalario, "un cirurxián pode ser marabilloso, pero se o profesional que limpa o quirófano o fai mal non hai nada que facer". "Todos precisamos de todos", recalca.

Todo comezou co tributo que lle renderon os seus pacientes cando colgou a bata. Como xestiona o que lle está a pasar?
Son unha persoa aberta, non son tímida e non teño demasiado pánico escénico, pois ao longo da miña carreira dei moitas charlas. Entón, non me custa moito. Pero a verdade é que foi colgar a bata e pasar a estar nos platós de televisión, coa prensa, coa radio... [di, entre risas]. Coa Medalla Castelao dixen: "Belísquenme, porque non sei se isto é certo ou estou soñando". Pero é un recoñecemento para toda a Atención Primaria e sobre todo, para os nosos pacientes. Eu co seu agarimo xa marchaba pola porta grande. É unha honra moi grande pero, como profesional, xa non precisaba nada máis.

O presidente da Xunta púxoa como exemplo de dedicación, constancia e paixón polo seu traballo. Nin tódolos médicos de cabeceira van visitar aos seus pacientes cando están ingresados no hospital...
Tampouco é que iso sexa o que hai que facer, nin o facía con todos. Hoxe temos unha historia clínica electrónica marabillosa no Sergas, o Ianus. Permítenos saber se os pacientes están ingresados, como evolucionan... Pero, hai anos, se un ingresaba non sabías nada del ata que o desen de alta. E habíaos con problemas serios que pasaban meses no hospital. A min apetecíame saber como ían. Vivo preto do hospital e saíame de dentro.

Era hora de que lle outorgasen este recoñecemento a unha profesión como a súa, tensionada moitas veces polo elevado número de doentes aos que toca atender a diario?
Si, aínda que non quere dicir que a situación vaia mellorar dun día para outro, pois imos seguir tensionados e con poucos profesionais durante uns anos. O recoñecemento é marabilloso para que se saiba todo o traballo que facemos, pois moita xente nin sequera sabe que a Medicina de Familia é unha especialidade como pode ser a Neumoloxía ou a Endocrinoloxía, cos mesmos anos. Especialistas somos todos. Pero aquí o glamur é o hospitalocentrismo. Semella que os que estamos fóra do hospital somos de segunda e iso é un grande erro, porque somos a porta de entrada. Cunha Atención Primaria potente, ben dotada e con tempo poderiamos resolver o 90% dos motivos de consulta sen necesidade de ter que derivalos a outro nivel asistencial.

"De cada euro que se inviste, 63 céntimos van para o hospital e só 14 van para Atención Primaria. Iso ten que cambiar"

Como ve as novas xeracións? A Medicina de Familia resúltalles atractiva?
É unha especialidade pouco coñecida e pouco ensinada na universidade. O amor pola Medicina de Familia empeza cando chegan aos centros de saúde para facer prácticas e se dan conta do que se fai na Atención Primaria. No tocante ao atractivo, hai días en que isto é moi bonito e outros nos que estás cunha axenda totalmente sobrecargada e tes que saír atender unha emerxencia. Implica traballar baixo un nivel de tensión moi grande. Hai que mellorar as condicións laborais, potenciar e investir en Medicina de Familia para que resulte atractiva. De cada euro, 63 céntimos van para o hospital e só 14 para a Primaria. Iso ten que mudar porque somos a porta de entrada.

"Na facultade debéraselle dar máis importancia á Medicina de Familia. É unha especialidade pouco coñecida e ensinada na universidade"

Hai déficit de médicos de familia, pediatras e doutros especialistas. Isto soluciónase con medidas como crear novas facultades?
Non sei se cunha facultade ou con máis dunha, pero creo que é importante descentralizar a formación. Despois dos dous ou os tres primeiros anos, creo que deberan facer moitas prácticas. A masificación non é boa. Cando os acolles ben e os ensinas, os centros de saúde gústanlles. Pero chegan tarde, en quinto ou sexto. E insisto en que na facultade debéraselle dar máis importancia á Medicina de Familia. En España só hai cinco catedráticos, ningún en Santiago.

Como ve a extensión da idade de xubilación voluntaria ata os 72 anos que a Xunta ten proposto ao ministerio como unha das medidas para paliar a falta de facultativos?
Se un está ben fisicamente e mentalmente, paréceme prefecto, sempre que sexa voluntario. Cada un ten que ver as súas opcións e o que quere. Neste momento, eu non me encontro mal nin física nin mentalmente, pero quero dedicarlle un tempo á familia, pois a Medicina, en xeral, é moi absorbente. Roubeille un tempo á miña nai, que está maior, aos meus fillos e ao meu marido. Quérollelo devolver agora e tamén dedicarme a cousas que me gustan moito, como os idiomas ou viaxar. Agora véxome ben, pero non sei como estarei en dous ou tres anos. Estou nun momento bo incluso para seguir estudando e para facer voluntariado. E non vou esquecer a Medicina. Xubílome do labor asistencial do Sergas, pero farei algunha cousiña con algunha sociedade científica. Teño que pensar.

Cando amaine este rebumbio...
Do que estou moi segura é de que preciso parar de ter que levantarme tódolos días ás 6.30 da mañá e de ser a responsable directa da saúde dunha poboación. Levamos moitos anos xuntos e penso que é hora de cambiar e de dar paso a outros.

"Quixen estudar Xornalismo e Medicina a un tempo; era o ímpeto da xuventude"

Cando tomou conciencia de que quería ser médico de cabeceira?
Tiña catro ou cinco anos e os Reis deixáranme un xogo de enfermeira, co seu fonendoscopio e a súa xiringa. Tamén unha máquina de coser e bonecas, pero isto último pasou a un segundo plano. 

"Conservamos a casiña de Bolmente. No cemiterio están enterrados o meu pai e o meu irmán. Cando vou a Sober, sempre vou ver ao meu padriño a Rosende"

Logo, houbo dúbidas?
Gustábame moito tamén o xornalismo. Dixenlle a meu pai: "Quero facer as dúas carreiras, Xornalismo e Medicina. Marcho a Madrid ou Barcelona e fágoas a un tempo". Moi sensato, el díxome: "A que queiras. Pero unha soa". E tivo razón. Era o ímpeto da xuventude.

Segue ligada a Sober, onde naceu?
Como di a canción de Víctor Manuel, foron parirme "entre algodóns". Daquela, case todos nacían na casa, pero viña de abrir unha clínica en Monforte e nacín alí. Aos tres días, fomos para Bolmente, o corazón da Ribeira Sacra. Meu pai, que era un home bastante avanzado, pois sabía ler e ata escribir a máquina, traballou para Correos e de conserxe en Ourense para Banesto. Cando tiña cinco anos, fomos vivir de alugueiro a Sober e, coa axuda de miña nai, meu pai atendía unha corresponsalía de Banesto no baixo da casa ao vir de Ourense. Logo vivimos en Monforte, onde conservamos un piso. E temos a casiña de Bolmente. Alí están enterrados meu pai e meu irmán. Cando vou, sempre vou ver ao meu padriño a Rosende.