Un menor discapacitado sofre múltiples lesións ao ser agredido en Burela

A zona de Burela na que se produciu a agresión. EP

Os responsables serían catro mozos ►A vítima, a quen romperon a mandíbula, tivo que ser operada na Coruña

Catro menores de Burela serían os presuntos autores dunha malleira a un quinto mozo que padece unha discapacidade. A agresión ocorreu a última hora do xoves e a vítima tivo que ser derivada ao hospital da Coruña desde o comarcal, coa mandíbula rota e múltiples lesións.

Segundo apuntaron este venres algunhas fontes, os feitos tiveron lugar na rúa Rosalía de Castro, nas inmediacións do cruce coa rúa da Pedra. Ata o lugar dos feitos desprazáronse axentes da Garda Civil que fixeron un primeiro informe da situación, pero o caso pasou a mans da Policía Xudicial.

Comerciantes e veciños da zona descoñecían os feitos pero aseguran que as proximidades da zona son lugar frecuente de disputas nocturnas por mor da movida no lugar. Si aseguraron ter coñecemento dunha pelexa con patadas e xente de máis idade tirada nas beirarrúas, hai xa varios días.