Morren dúas persoas en senllos accidentes rexistrados en Santiago e Muxía

Unha ambulancia no lugar do accidente de Muxía. PROTECCIÓN CIVIL MUXÍA

Dúas persoas faleceron en senllos accidentes de tráfico rexistrados nas últimas horas en Santiago e Muxía, segundo informou o CIAE 112 Galicia. 

O primeiro deles tivo lugar ao fío das 22.00 horas de venres na localidade da Costa da Morte. Alí, un condutor perdeu a vida ao saírse da estrada co seu vehículo cando circulaba pola estrada que une Muxía e Cee á altura do lugar de Oruxo

Os efectivos de Urxencias Sanitarias e os bombeiros de Cee desprazados ao lugar tras recibir o aviso non puideron facer nada pola vida do falecido, un home duns 60 anos de idade veciño da zona na que se produciu o accidente. 

Horas despois, ao fío das 01.30 horas da madrugada, outro accidente nas estradas cobrouse a vida doutra persoa, un home que conducía un coche que impactou frontalmente con outro vehículo, cuxo ocupante resultou ferido de gravidade. 

Ocorreu na Susana, no punto quilométrico 366 da estrada N-525, onde dous turismos chocaron frontalmente e quedaron visiblemente danados, segundo relata o CIAE 112 Galicia, que recibiu o aviso doutros condutores que pasaban pola zona. 

A consecuencia do impacto, un dos ocupantes faleceu no lugar, mentres que o outro condutor foi evacuado de urxencia con feridas moi graves ao Hospital Clínico de Santiago tras ser liberado do interior do seu vehículo por unha dotación dos bombeiros de Santiago.