Unha moza de Pontevedra atopa 700 euros na rúa e devólvellos ao seu dono

Maite Fontán. TVG

Foi gratificada polo seu fermoso xesto 

Aínda queda xente honrada. Por exemplo, Maite Fontán,  unha rapaza de Pontevedra que vén de devolverlle 700 euros a José Losada, o outro protagonista desta fermosa historia.

Ocorreu na cidade do Lérez. A moza ía pola rúa cando atopou unha bolsa térmica con 700 euros. Volveu ao día seguinte e alí atopou un cartel co enderezo do aflixido propietario do diñeiro, correspondente ao seu salario, que ía ingresar no banco para facer fronte aos seus gastos mensuais. Quedou con el e antes de entregarlle os cartos fíxolle varias preguntas para cerciorarse de que non era un impostor.

José, que repartira carteis pola cidade denunciando a desaparición dos cartos, que ao parecer lle caeron da carteira cando sacou o teléfono, agradeceu o xesto de Maite e quixo darlle unha pequena gratificación.