Nace DATAlife para converter Galicia en biorrexión "de referencia en Europa"
O obxectivo é "converter a Galicia en biorrexión de referencia en Europa mediante a posta en contacto, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos da rexión". Con esa meta nace DATAlife, o hub de innovación dixital que lidera o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), e que este martes foi presentado pola súa directiva —vía online— aos axentes innovadores e aos protagonistas dos sectores produtivos aos que vai dirixido. E eses son a biotecnoloxía, mar-industria, agroalimentación, forestal e saúde.
O obxectivo da iniciativa é "facilitar a incorporación da intelixencia artificial e a analítica de datos nas pemes galegas dos sectores ligados á bioeconomía e a saúde", segundo apuntou Lucía Castro, xerente do hub. O proxecto, con sede no edificio Emprendia en Santiago, diríxese a tres focos estratéxicos: biorrecursos, sustentabilidade e saúde, e ofrecerá servizos de intelixencia artificial, internet das cousas, big data, ciberseguridade e computación de altas prestacións, con pemes vinculadas aos cinco sectores produtivos aos está orientado.
DATAlife, que xa está inmersa na elaboración da súa carteira de servizos, nace para "axudar a crecer en competitividade a 3.700 empresas que traballan en cadeas de valor" que "representan o 19,4% do valor engadido bruto (VAB) de Galicia" e preto de 70.000 "empregos".
A presidenta do DATAlife e tamén presidenta de Bioga, Carme Pampín
, destacou que o proxecto se apoia no liderado sectorial, a través de sectores clave en Galicia; no liderado tecnolóxico, conformado polos centros de competencia galegos; e no liderado empresarial, representado por empresas tractoras de Galicia".
Xunto a Bioga, que abandeira o proxecto, son tamén socios fundadores Anfaco-Cecopesca, Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA, Clúster Saúde de Galicia (CSG), Finsa, Centro Tecnolóxico de Comunicacións-Gradiant, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Televés, Cluster TIC Galicia, Cluster da Acuicultura de Galicia e Grupo Zendal. En 2020 incorporáronse o Centro Tecnolóxico Energylab e a Fundación Feuga.
O Acordo da Sionlla senta as bases do Polo de Innovación en Biotecnoloxía de Santiago
A reunión celebrouse no Centro Empresarial do Tambre, coa presenza da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o titular de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o alcalde de Santiago, José Sánchez Bugallo; o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre, José Fernández Alborés.
O proxecto agrupará todos os axentes (empresas, centros de investigación, investidores, emprendedores, etc) nunha mesma contorna para o "desenvolvemento de novos negocios e a atracción de talento altamente cualificado".