De Otero a Outeiro: a RAG impulsa a recuperación dos apelidos galegos cunha guía

Documento histórico. RAG
Incorpora un buscador na súa web co que quen desexe galeguizar o seu nome familiar poderá descargarse un informe válido para facer o trámite

A Real Academia Galega (RAG) vén de publicar unha nova Guía de apelidos galegos que recolle máis de 6.000 nomes de familia, un listado que abrangue ao 95% da poboación. Este particular rexistro, que amplía a publicación lanzada no 2016 —que contiña 1.500 apelidos—, está xa a disposición do público na web da institución. Nun marco no que tanto a Xunta como entidades como a propia RAG ou o Consello da Cultura Galega se teñen marcado o reto de dar un novo pulo ao galego logo de que o último informe do Ige apuntase a un retroceso no número de falantes, netamente entre os máis mozos, a institución que preside Víctor Fernández Freixanes lanza esta ferramenta coa que pretende facilitar o coñecemento das formas propias e a súa restitución.

Para iso, recolle tanto a forma estándar de cada apelido como a súa equivalencia non deturpada.

Segundo os datos da RAG, o 16% das formas están castelanizadas. Malia que poida parecer unha ratio reducida, o certo é que entre estes nomes de familia figuran algunhas das fórmulas máis frecuentes, o que "incrementa o seu impacto social".

Pois ben, o buscador da RAG permite ao usuario descargarse un informe do Seminario de Onomástica que "acredita cal é a forma correcta" das denominacións alteradas. Con este documento aqueles que desexen galeguizar o seu apelido verán axilizados os trámites que poden realizar nos rexistros civís. A RAG constata que, "na súa maior parte", as denominacións castelás asentadas en Galicia débense á transformación das formas galegas.

Nunha rolda de prensa celebrada en Santiago, a coordinadora do traballo, Ana Boullón, constatou que a reforma da lei do rexistro civil de 1999 prevé que "cun trámite moi sinxelo sexa posible a restitución dos apelidos galegos á súa forma xenuína".

Os apelidos galegos, desprazados da escrita a partir do XVI

Un dos exemplos das "deturpación" que, segundo a RAG, arrincou no século XVI cando o galego foi desprazado da escrita, é o que sucede cos Otero, un apelido cuxa fórmula orixinal era Outeiro. Froito dese proceso, a Real Academia Galega constata que hoxe "hai rexistrados apenas 300 Outeiro", fronte a 40.000 que levan Otero por nome de familia. O pase de Regueira a Reguera, de Afonso a Alfonso ou Alonso, ou de Araúxo a Araújo son outros exemplos.

A asimilación dos apelidos ao castelán deuse coa xeralización dos rexistros, primeiro relixiosos e logo civís.

"Os apelidos son a crónica dunha estirpe, marcas de identidade nas que recoñecemos a propia liñaxe, a memoria da familia ou do clan", constatou Freixanes, que louvou o traballo do equipo que elaborou a guía.

Na cociña da RAG está o Dicionario de apelidos galegos, que ofrecerá as etimoloxías e as distribucións xeográficas, ademais de sinalar a documentación máis antiga.