
O líder de Podemos e vicepresidente segundo do Goberno, Pablo Iglesias, asegurou este sábado que "en Galicia fai falta un Goberno parecido ao que temos en España", e que con Antón Gómez-Reino como candidato á presidencia da Xunta por Galicia en Común-Anova está "moi preto".
"Estades moi preto os galegos de lograr que o cambio político que se está producindo en España tamén se dea en Galicia" e, para iso, Iglesias pediu que o próximo 5 de abril os galegos outorguen a vitoria a un presidente como Gómez-Reino a pesar de que iso signifique que perdan no Congreso "ao mellor defensor de Galicia".
Iglesias comezou a súa intervención no acto agradecendo ao dirixente de Anova, Martiño Noriega, a súa "xenerosidade" por dar un paso atrás na súa intención de liderar unha candidatura á presidencia da Xunta xa que permitiu "a unidade que vai ser capaz de sacar a Feijóo do Goberno galego".
Tras unha intensa negociación entre Podemos, Esquerda Unida e Anova, Martiño Noriega concorrerá na coalición como número tres pola provincia da Coruña.
Co agradecemento a Esquerda Unida e Anova, Iglesias, acompañado pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, deu o pistoletazo de saída á campaña do aspirante á Xunta nun acto na Coruña ao que asistiu un milleiro de persoas.
Ademais da unidade electoral, o líder de Podemos fixo unha acesa defensa dos pactos postelectorais con outras forzas porque a súa experiencia agora nun Goberno de coalición permitiulle constatar que "un partido único quere dicir na gran parte dos casos corrupción e na maior parte dos casos quere dicir despotismo".
Pablo Iglesias mostrouse convencido dunha vitoria progresista o próximo cinco de abril e a modo de anécdota comprometeuse a repetir un dos episodios máis curiosos que viviu co seu amigo e agora candidato á presidencia da Xunta, Gómez- Reino, en Galicia cando se bañaron espidos no río Tambre.
"Hoxe comprométome a que cando botedes a Feijóo o 5 de abril bañémonos outra vez no Tambre", dixo Iglesias ante os aplausos dun público ao que pediu que cooperen para que Galicia non quede "de costas" ao cambio.