Pachi Vázquez, exlíder dos socialistas galegos, anuncia que deixa o PSOE
"Non comparto case nada do que está facendo a dirección federal", explica o do Carballiño
Pachi Vázquez, exlíder dos socialistas galegos, anunciou este xoves que deixa o PSOE. O político do Carballiño comunicou unha decisión que cualificou como "moi madurada" a través dun comunicado vía wasap, segundo informa La Región.
O que fora conselleiro de Medio Ambiente durante o bipartito asegura que non comparte "case nada do que está a facer a dirección federal e o noso secretario xeral".
Vázquez, que foi a cabeza visible do PSdeG desde que se foi Touriño tras perder a Xunta e ata que Besteiro asumiu as rendas en 2013, foise distanciando nos últimos anos do partido e cada vez era máis frecuentes as súas críticas ao mesmo nas redes sociais.
"Non comparto case nada do que está a facer a dirección federal e o noso secretario xeral"
Líder do sector pachista do socialismo galego, no últimos anos sufriu varios reveses a nivel orgánico, tanto nas súas aspiracións para ser alcaldable na cidade de Ourense como para facerse co control da secretaría provincial.
Ademais, en 2015 deixou a súa acta de deputado no Hórreo ao ser procesado por unha presunta prevaricación cometida cando era alcalde do Carballiño.
"Vexo que nin o partido nin as persoas que o representan estan cómodas comigo nin co que fixemos durante moitos anos", explica nun conciso comunicado, no que tamén manda unha mensaxe aos seus afíns: "Desexo que a partir de agora vos deixen tranquilos por ser pachistas".
Manuel Vázquez Fernández, que en febreiro cumprirá 65 anos, di que a decisión é "meditada" e admite que el tampouco está "cómodo". Na concisa nota sinala non compartir "case nada do que está a facer a dirección federal" e fai unha chiscadela aos seus fieis ao pedir que "a partir de agora vos deixen tranquilos por ser pachistas".
O PSdeG-PSOE dixo este xoves á noite non ter constancia oficial da marcha de Pachi Vázquez, segundo a Radio Galega.